Peche dos afectados polas preferentes


Alba Sofía Naseiro.-

Despois da nevarada, unha pequena treboada de protesta caeu no Concello. Concretamente, no ximnasio do Concello, onde estaba convocado ás oito da tarde un peche organizado pola Plataforma de Afectados polas Preferentes da Terra Chá. Sobre esta hora comezaron a chegar os primeiros afectados, iniciando cedo o debate no que comentaban as súas inquedanzas sobre a pouca concorrencia ao acto de protesta .

Cando se xuntaron unha vintena de persoas dispostas a quedar toda a noite, foron mostradas as pancartas cuxo lema pedía como solución ao problema a devolución íntegra dos cartos.

Tivemos ocasión de escoitar aos vocais da Plataforma. Para eles o obxectivo do peche era, sobre todo, sensibilizar ao colectivo de xente afectada para que se una ás súas protestas. O número de persoas afectadas ascende aos 1500 na bisbarra, e estímanse 50 na capital chairega mentres a plataforma conta con 60 membros. É necesario aumentar esta cifra: contando as familias dos depositarios das contas poden ascender a máis de 3000 persoas só na Terra Chá. E, como sinala a plataforma, o problema toca a toda a economía: baixando o poder adquisitivo, baixa o consumo. Se as protestas non foron concorridas, a causa pode ser a vergoña de sentirse estafado.

En canto á solución, os vocais apuntan a que a arbitraxe –que xa ten solucionado oficialmente sobre 14.500 casos, aínda que na actualidade está paralizado- é o mellor camiño. Despois da conferencia do Fiscal Xeral o pasado día 9 de Maio na Deputación de Lugo, os afectados son optimistas. Lamentábelmente, a pesares de pedir públicamente perdón ante os medios, os responsábeis das preferentes non acceden á devolución dos cartos, e polo tanto débese recorrer á vía xudicial para recuperar o perdido. Apuntan ademáis que entre os estafados atópanse menores de idade e incapacitados que legalmente non podían aceptar ese produto bancario, calificado como “tóxico”.

Ante a pregunta de quen é o responsable, a plataforma sinala que parte da culpa é das autoridades que permitiron a venda das preferentes, dende a Xunta de Galiza até a Comisión Europea pasando polo Goberno Español e a Comisión Nacional do Mercado Valores, e que aceptaron as contas das Caixas de Aforros maquilladas no seu propio beneficio.

27 de abr. de 2013

1 comentários :

Danos a túa opinión