Punto final, isto non funciona

Fermín Bouza.-

A desfeita de todas as contas do reino co tratamento de austeridade (contra todo consello de Xapón e EEUU) imposto pola Señora e aceptado con gusto polo PP, o Goberno e Os nenos cantores da Moncloa, é dicir, pola Merkel, Xénova, Rajoy e o bloque de xornalistas que ocupan practicamente toda a prensa, radio e televisión deste estado e que transmiten cegamente as cambiantes e, ás veces, contraditorias consignas de arriba, esa desfeita estaba o pasado venres na expresión das caras dos que deron a rolda de prensa, un poema de caras de impotencia e entreguismo e un inferno para este reino do que xa todo o mundo se compadece, a falta de mellor sentimento.

Ou se xestiona (Madrid/Alemaña/Europa) un inmediato cambio de política económica ou isto afúndese sen remedio. O panorama dunha España afundida ou en quebra que arrastra nos seus conflitos ao conxunto de Europa é un panorama que debe inquietar profundamente en USA. Quizá chegou o momento dunha implicación completa do trío USA-Rusia-China nos asuntos gravísimos da UE, pois eles son os únicos que poderían cadrar a Alemaña e á mesma Señora, que arrastrará con ela aos incompetentes de Bruxelas, sempre bailando ao son que lle tocan aqueles aos que pagamos euro a euro (peseta a peseta) a súa carísima reunificación. Se Rajoy non pode con esta tarefa diplomática, política e económica, debe deixar paso a outros. Este reino, as súas autonomías e as súas nacionalidades, xóganse o seu futuro de forma radical.



Memoria viva do 25 de abril


Tal día como o xoves, 25 de Abril, pero do ano 1974, o MFA (Movimento dás Forças Armadas) puxo fin á ditadura salazarista de base fascista que entón lideraba o presidente Marcelo Caetano. Anos de miseria, guerras coloniais, torturas e persecucións, quedaron de súpeto convertidos en triste historia dun pobo irmán do meu pobo, do que herdou o seu idioma, o antigo galego-portugués, e que foi chegando ao sur no proceso de reconquista.

O MFA foi pasando o poder á democracia civil e Portugal entrou así na modernidade mentres aquí continuaba Franco, xa caduco, e as Forzas Armadas nadas da insurrección do 36 comandaban o fondo de todo proceso, moi lonxe da evolución que supuxo para as Forças Armadas de Portugal a súa participación nas guerras coloniais, co sufrimento que arrastraron e a perda de vidas e facendas de tantas familias de militares e civís. Foi entón cando o groso desas Forzas Armadas adquiriu conciencia da súa función histórica e dispúxose a iniciar unha nova época nun Portugal esnaquizado pola pobreza e a incerteza dos soldados e as súas familias.

Cheguei a coñecer persoal e fugazmente a algúns daqueles líderes civís e tamén a algún militar (Otelo Saraiva). Fun en canto puiden (non tiña pasaporte) a Portugal, grazas ao meu recente pasaporte xestionado tamén por un parente militar, neste caso das FFAA de aquí. Aínda pasarían anos ata que ocorrese o 23-F. A nosa historia é moi outra. Neste momento, a crise é insondable e séguesenos anunciando que todo vai perfecto cara ao desastre final. Ao fondo, un conflito social contido que podería estalar sen control en calquera momento.


Tamén o fútbol


A quebra institucional non queda na Coroa, o Parlamento, os Partidos, a Igrexa, etc., senón que chega xa ás grandes institucións futbolísticas. O Barça e o Madrid caeron de forma horrible ante uns equipos de categoría que anuncian o revival do fútbol clásico: verticalidade, preparación física e mirar a gol sempre. Correr moito, non reter o balón, xogar ao primeiro toque e chegar enteiros ao minuto 90. Despois diso todo o mundo xogaralles así aos equipos do reino, incluída a selección, que o terá moito máis difícil con tanto paseciño e tanto mamoneo que din os clásicos da Idade de Ouro do fútbol. O do paseciño infinito acabouse, xa non serve, xa foi contra-replicado polos adversarios. Hai que cambiar. Con todo, a volta será un inferno para os equipos alemáns. Porán a proba a realidade do seu cambio e a súa resistencia ao ambiente. Pasarano mal. A remontada sempre é posible, aínda que neste caso hai que contar coa providencia e a súa intervención nas cousas do mundo. Este reino vai tocando ao seu fin se o fútbol tampouco funciona. Ese era o principal perigo, e chegou.


Da austeridade ao Barça, pasando por Sarah Palin


A absurda estratexia de austeridade, que non serviu máis que para incrementar os sufrimentos da xente asalariada, parece tocar ao seu fin, aínda que aquí seguen os recortes e os horrores en curso na ortodoxia merkeliana máis estrita. Indignábame onte ouvir a un economista alemán dicir esas cousas que producen vergoña allea, aquilo de "viviron vostedes por encima das súas posibilidades", e dino os que encheron isto de créditos-lixo e crebaron á banca local e romperon o equilibrio económico familiar das clases medias e populares coa súa artificial choiva de millóns. Agora, o rumor de que baixa o prezo de diñeiro (BCE), puxo ás financeiras na liña de saída e alegrou a pestana á economía europea. Que sexa para ben e que sexa certo, sobre todo.

Sarah Palin, a do Tea Party, que se declarou disposta a destruír Praga (sic), é unha preclara representante desa mesma liña monetario-cultural da que tanto cabe esperar no terreo da felicidade humana. E así nos fixeron felices nestes anos de crises. Da Palin ao coro de Nenos cantores da Moncloa non hai maior diferenza, aínda que a Palin é, quizá, algo máis moderada. Entre uns e outros vivimos no mellor dos mundos.



Ninguén se irá sen pagar a consumición


Certo aire de sublevación reina na parte do PSdG que controla Pachi Vázquez, que se está mostrando capaz de manobrar máis aló das escasas expectativas postas nel polos seus adversarios. Se non se lle tocen as cousas, acabará renovando o seu mandato na secretaría xeral do PSdG ou colocando a alguén da súa confianza.

O caso de Galicia é peculiar neste momento, e parece que o PSdG podería ser excedido polo voto nacionalista, como o foi noutros tempos, perdendo o seu lugar hexemónico na oposición galega de esquerda. Nestas condicións, afinar no modo de elección e na persoa elixida é crucial para os intereses socialistas. O momento ou o clima xeral é de crítica aos partidos e de esixencia, entre outras cousas, de eleccións primarias. Para os partidos, as eleccións primarias son un invento de Satanás e non lles falta razón, pois están abertas á sorpresa e a algunha clase de descontrol. Os partidos, xa se sabe, son todos conservadores nos seus usos e costumes, e gústanlles pouco estas sorpresas. Normalmente funcionou unha designación central despois dunha loita a porta pechada entre baróns territoriais ou de forte ascendencia partidaria.

Parece que o cambio ás primarias xeneralizadas sería parte do prezo a pagar á cidadanía pola crise e os erros de goberno. Ninguén se irá sen pagar as consumicións destes últimos lustros. A presión popular, de forma discreta pera constante, apunta cara a esas cousas para unha democracia renovada. Entramos na fase máis desesperanzada da crise: todo segue caendo. Aquilo de medrar era unha nova trola.

28 de abr. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión