Os museos na sociedade actual

Redacción.-

Ao longo da súa historia os museos sufriron un proceso de cambio para se adaptaren ás novas realidades sociais e novas formas de percibir os bens culturais e o papel destes na sociedade. Os retos dos museos hoxe non son só como definir de novo a ecuación colección-público e enfrontarse a públicos con intereses variados, senón como sobrevivir nun mundo cambiante e onde o cultural é entendido en termos economicistas. Nesta nova relación, a colección parece perder presenza ante o peso da rendibilidade económica e a importancia das cifras de visitantes. Son estes dous últimos elementos os que semellan facer rendible o museo, cando esta institución non naceu co carácter de negocio empresarial. Agora hai que engadir como elemento de medición tamén a espectacularidade da oferta cultural. A sustentabilidade dos museos está en perigo nun momento en que o poder público perde presenza ante a forza do sector privado na administración dos servizos públicos. Os museos precisan novos valedores institucionais e civís para poder seguir tendo presenza e cumprir a función social.

Os museos galegos non escapan a esta situación, mesmo diriamos que aquí se agrava polas características periféricas da nosa sociedade e pola concepción feble da institución museística. Este seminario pretende abordar a situación dos museos dende unha perspectiva crítica articulada arredor das seguintes claves: reflexións teóricas, a función e percepción social dos museos, a sustentabilidade: poderes públicos e sector privado, o marco normativo e a situación actual dos museos en Galicia. Deste xeito procurarase achegar ferramentas de reflexión útiles aos profesionais dos museos, que terán que facer autocrítica e mellorar a súa formación para poder ofrecer programacións acordes coas novas interpretacións dos bens culturais. Ademais, intentarase afondar na función social dos museos e mostrar que son institucións válidas para a Galicia do século XXI, capaces de ofrecer resposta á necesidade de coñecemento, de axudar a cohesionar a sociedade civil, de dar continuidade aos procesos culturais históricos, de vincular as novas xeracións cunha tradición; todo isto nun contexto onde os referentes da memoria colectiva son cada vez máis febles e onde cómpre potenciar a comunicación con outras culturas. Neste sentido, é necesaria unha normativa axeitada aos tempos, normativa que os entenda como centros de acción cultural e lles permita traballar con eficacia e liberdade, máis alá da consideración de simples unidades administrativas. Igualmente, a normativa debe clarificar e ordenar o disperso, e por veces caótico, mundo dos museos galegos, así como ofertar ferramentas precisas de xestión.

15 de ago. de 2013

0 comentários :

Danos a túa opinión