Redacción.- O delegado de Cultura e Turismo da Deputación
de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, visitou a Casa da Cultura de Vilalba
para reunirse co presidente do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Manuel
Santamariña; para asinar un convenio de colaboración entre a institución
provincial e o colectivo por valor de 12.000 euros para apoiar a actividade do
mesmo. Na xuntanza tamén participaron outros directivos do colectivo e os
concelleiros do BNG de Vilalba, Félix Jorquera e Inés Novo.
Nesta ocasión, a actividade do IESCHA contempla a
organización da exposición “Árbores senlleiras, singulares e monumentais da
Terra Chá”, de Ricardo Polín, unha mostra formada por 50 paneis, cada un deles
aportando unha significativa reportaxe fotográfica e identificación coas
coordenadas GPS respectivas de cada árbore singular e o seu entorno cultural,
social ou ambiental. Unha mostra que pretende un carácter itinerante pola
comarca chairega, pasando por centros educativos e outros lugares.
Esta iniciativa do IESCHA inclúe a edición dun catálogo
impreso sobre a exposición mencionada no que reproducir contidos esenciais da
mostra, como as investigacións recollidas nas correspondentes fichas
informativas, tanto a nivel gráfico como documental, así como un plano-guía deseñado
especificamente para a divulgación do itinirario chairego das árbores
senlleiras, a súa localización e posta en valor.
Asemade, e dentro do importante labor de
recompilación que desenvolve, o IESCHA plantexa a edición do libro “A liñaxe
fidalga dos Santomé”, do profesor e historiador recentemente falecido,
José-Luis Novo Cazón, unha nova monografía histórica que se suma a outras xa
publicadas polo colectivo chairego.
No decurso da xuntanza, Mario Outeiro destacou “o traballo realizado polo
Instituto de Estudos Chairegos de cara a promoción da cultura da Terra Chá, na
comarca e na provincia. Estamos ante unha entidade que rexistra todo tipo de
manifestacións culturais que deben ser obxecto de investigación e
recuperación”.
0 comentários :
Danos a túa opinión