Ata sempre. No peche dos CCA

Fran Alvedro.-

Onte, 7 de xuño de 2014, Cadernos de Comunicación pechou logo de case 4 años de ilusión e esforzo por manter o medio que sempre soñábamos para a diáspora galega.

Cadernos de Comunicación naceu cando a rede galega estaba nunha crise sen precedentes, e intentou converterse nunha iniciativa aberta que pretendía achegarse a toda a comunidade de galegos alí onde estivesen, na crenza de que nación galega é universal.

Como punto de referencia dos emigrantes galegos no mundo, Cadernos chegou a ser un medio de referencia na Galiza exterior. Sen embargo, e a pesar do seu prestixio, Cadernos sempre foi un medio deficitario en apoios e colaboracións. Desgrazadamente, a nosa publicación non chegou a ilusionar o suficiente para que o espazo socio-político no que estábamos situados chegara a confiar en nós. A deslealdade dalgúns medios dixitais do país, a falta de respecto de todos os partidos políticos, pero tamén a lexítima competencia doutros, foron tamén decisivos na nosa decisión de rematar o proxecto de Cadernos.

O certo é que o esgotamento dos que permanecemos na empresa é importante. Foi pois un final moi difícil nos que Cadernos intentou resistir, mais chegou a hora de renderse.

Neste momento, só resta darlles as grazas a todos os lectores, aos que creron neste proxecto, colaboraron nel e puxeron o seu grao de area para que outro xornalismo na Galiza exterior fose posible.

E moi especialmente a todos os que colaboraron connosco, mais, pola súa entrega e compromiso inesgotable, as nosas grazas eternas a Manuel Suárez Suárez, Xoán Antón Pérez Lema, Edmundo Moure Rojas, Xosé Manuel Galdo-Fonte e a Carta Maior, do Brasil que cedeu centos de artigos, gratuitamente, á nosa modesta publicación.

Foi un pracer. Até sempre.

Fran Alvedro López, Editor Xefe de Cadernos de Comunicación e Análise

8 de xuño de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión