Redacción.-
“Temón, sentido” é o significado de LEME, a aplicación web que o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha para facilitar a descuberta do territorio. Desde teatros, auditorios ou galerías de arte ata castelos, castros ou espazos literarios, a aplicación permite localizar a cultura galega desde calquera dispositivo móbil. Esta ferramenta acaba de incrementar a súa potencialidade coa incorporación de 12 000 novos recursos, que se suman aos 6000 cos que comezou a andar hai un ano. Ademais, agora a aplicación tamén está dispoñible para Android.
A aplicación gratuíta e aberta para dispositivos móbiles (IOs e Android) está orientada á descuberta dos equipamentos e recursos culturais galegos, para profesionais da xestión cultural e tamén para turistas e amantes da cultura galega, e calquera pode contribuír ao seu contido. Agora, acábanse de incorporar 12 000 novos recursos chegados de Turgalicia e de iniciativas cidadás, como é a entidade Patrimoniogalego.net. Deste xeito, aprovéitanse as potencialidades de LEME, pensada para que outras entidades e usuarios poidan incorporar á aplicación, de xeito gratuíto, os seus espazos xeolocalizados e crear un gran centro de recursos móbil sobre a cultura de Galicia.
Hoxe en día, a categoría de patrimonio cultural é a que conta con maior número de recursos, con 9947 entradas. Séguelle o equipamento cultural, con 4514 entradas, e patrimonio natural, con 1375 rexistros. Ademais, esta aplicación permite xeolocalizar 38 centros de interpretación, 46 teatros e auditorios, 134 cines, 295 museos, 391 galerías de arte e 639 arquivos e bibliotecas.
LEME nutriuse inicialmente dos contidos das bases de datos de información xeográfica do Consello da Cultura Galega, como o Mapa de Equipamentos Culturais, os Roteiros da Cultura Galega e o proxecto As Escolas da Emigración, ofrecendo de partida máis de 6000 localizacións ao longo de toda Galicia. A aplicación foi desenvolvida tecnicamente pola empresa Sixtema.
Dous perfís diferenciados
A app está pensada para dous perfís diferenciados: dunha banda, para o usuario facer turismo cultural a través de rutas guiadas seguindo o ronsel de destacados escritores do país, consultar espazos de celebración de eventos e, mesmo, explorar, anotar e compartir novos espazos culturais que o usuario considere relevantes. Da outra, para técnicos e xestores culturais, que lles facilitará a localización e coñecemento das infraestruturas culturais do país á hora de realizar o seu traballo profesional.
0 comentários :
Danos a túa opinión