Os contos mínimos de Agustín

Redacción.-

A última anotación antes do verán no blog de Agustín Fernández Paz foi o pasado 12 de abril, pois o blog de Gagarin absorbeu a actividade do escritor por completo. Por iso, agora no verán, retoma o blog principal ofrecéndonos unha serie de "Historias mínimas", a maior parte delas inéditas, como a que inicia a serie e que reproducimos a continuación:

SOBRE A ORIXE DAS GALAXIAS
Agustín Fernández Paz.-

Os cosmólogos sosteñen que primeiro foi o Big Bang, e que despois o universo comezou a expandirse a velocidades vertixinosas. Ao tempo, aparecían as primeiras partículas elementais que non tardarían en iniciar as múltiples combinacións que darían lugar á materia que coñecemos. E afirman tamén que as galaxias que se afastan unhas doutras a través dun espazo cósmico sorprendentemente plano, non son máis que os grumos procedentes da gran explosión primixenia.

Niso pensaba eu mentres o leite saía a burbullóns fóra do cazo e se dividía logo en enormes pingas redondeadas que esvaraban veloces pola superficie da cociña de ferro. Pero miña nai entrou berrando: «Que se che vai o leite, pasmón!», e deume unha labazada por non quitar a tempo o cazo do lume. Sempre, meditei con tristeza, atopou atrancos insalvables a investigación científica neste país.


17 de ago. de 2014

0 comentários :

Danos a túa opinión