Redacción.- O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da
Deputación de Lugo, Antonio Veiga, vén de asinar un convenio de colaboración
coa Federación Galega de Pentatlón Moderno e Triatlón por valor de 24.000
euros. Esta axuda, de carácter excepcional, servirá para sufragar un ano máis
parte dos gastos derivados da promoción polos centros escolares da provincia de
Lugo que fai esta federación das dúas modalidades deportivas que abrangue. No
acto de sinatura participou o novo máximo mandatario desta federación, Óscar
José Surís Regueiro, que veu acompañado de varios membros da xunta directiva
que preside.
O responsable de Deportes, Antonio Veiga, valorou a
importancia da continuidade deste convenio de colaboración cunha das
federacións cuxos deportistas mellor representan ao país. “Galiza é unha
potencia mundial no mundo do triatlón e en Lugo, tanto o triatlón como o
pentatlón moderno, gozan dunha ampla implantación e ano tras anos véñennos
dando alegrías a todos os lucenses, ademais de conseguir que moitos rapaces e
rapazas se acheguen a facer deporte, un dos obxectivos primordiais que sempre
nos marcamos dende a Área de Benestar Social e Deporte”, indicou.
Esta colaboración é unha das máis que mantén nos últimos
anos á Área de Deporte do organismo provincial con federacións deportivas
galegas, “co fin de apoiar economicamente iniciativas de promoción do
deporte dende a base, facendo especial fincapé naquelas modalidades que se
cadra se consideran minoritarias pola súa repercusión mediática, pero que, non
obstante, en Lugo ou Galiza contan con número notable de practicantes”,
explicou o vicepresidente provincial.
Durante os últimos meses, a Federación Galega de
Pentatlón Moderno e Triatlón centrou o seu traballo nos colexios dos concellos
de Lugo, Meira, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, A Pastoriza, Viveiro e O Vicedo.
Alí desprazaron ao seu persoal e o material deportivo necesario para que os
estudantes, de distintas idades, puidesen coñecer máis de preto os dous
deportes, así como as súas diferentes modalidades (biatlón, acuatlón, etc.).
Esta federación, aproveitando a experiencia dos anos previos, deu un salto de
calidade importante para achegar mellores seus deportes a todos os rapaces e
rapazas da provincia.
Este traballo de campo levado a cabo por técnicos desta
federación busca tres obxectivos principais. Por unha banda promocionar estes
dous deportes olímpicos (triatlón e pentatlón moderno), aumentar o número de
licencias federativas nas escolas de triatlón e pentatlón moderno da provincia
que participen nas probas que se disputen a nivel autonómico e en todo o Estado
e continuar inculcando aos rapaces o deporte como sinónimo de benestar,
solidariedade e saúde.
0 comentários :
Danos a túa opinión