Hoxe en Compostela, Queremos Galego!

Redacción.-

Polas fillas dos nosos fillos, Queremos Galego. É o lema da manifestación que esta mañá convocou a miles de persoas en Compostela organizada por Queremos Galego! Miles de persoas e colectivos representativos da ampla diversidade social que defende a nosa lingua tamén mostraron estes días, por diferentes medios, o seu apoio á convocatoria.

A manifestación, que partiu ás 12h da Alameda de Santiago, contou coa participación de actrices e actores como Ricardo de Barreiro, Quico Cadaval, Pepe Penabade, Laura Ponte, Lucho Penabade, Pepe Penabade, Isabel Risco, Teresa Rodríguez e Iria Sobrado.

Os datos sobre a situación do galego publicados polo Instituto Galego de Estatística que se coñeceron a primeiros de decembro revelaron unha perda de falantes xeral na última década, e que o 75% dos rapaces e adolescentes son castelanfalantes, fundamentalmente no ámbito urbano. Con este acto Queremos Galego! reclama a pervivencia do idioma para as próximas xeracións e critican a política lingüística do goberno por non garantir a normalidade do galego en todos os ámbitos:

"A lingua galega une. É o noso máis prezado ben común e colectivo. O que temos que facer é reivindicala e a partir de hoxe comezar un proceso de mobilización e activismo todos os días do ano para que a lingua galega recupere ese espazo que lle corresponde" Reclamou Marcos Maceira, como voceiro da plataforma.

Pais e fillos amosaron a súa dificultade para poder educar ou estudar en galego con normalidade despois do decreto do ensino. E esixiron medidas normalizadoras en todos os contextos nos que se moven pequenos e maiores.

Á manifestación asistiron representantes de todos os partidos da oposición que concordaron en reclamar a lingua como elemento de identificación e cohesión social, por enriba de calquera sigla política.

8 de feb. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión