Redacción.-
Este sábado 21 de febreiro a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá desde as 17 horas a proba final do concurso escolar de recitado de poesía “Rosalía sempre viva”, que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos convocou no presente curso por vez primeira. Trátase dunha iniciativa que busca festexar o día do aniversario de Rosalía de Castro, o vindeiro 24 de febreiro. Manuel María definíase a si mesmo como un “devoto rosaliano”.
En total serán 74 as alumnas e os alumnos, chegados de centros de toda Galiza -da Coruña ao Carballiño e de Viveiro a Moraña-, e de todas as etapas do ensino non universitario, os que participarán na proba final do concurso. Todas estas rapazas e rapaces foron previamente seleccionados nunha primeira fase do concurso nos seus centros.
Os participantes no concurso divídense en catro categorías diferentes: alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria; alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria; alumnado da ESO; e alumnado de Bacharelato. Na primeira das categorías as bases permiten o recitado en grupo; no resto das categorías o recitado é individual, sempre dun poema único de entre toda a obra poética rosaliana.
Un xurado, que vai estar composto polos escritores Paco Martín e Marica Campo e pola profesora Anxa G. Refoxo, será o encargado de avaliar a calidade dos recitados e de decidir os gañadores: valoraranse aspectos como a naturalidade no recitado, a expresividade, a memorización ou o grao de dificultade do poema escollido.
Haberá catro premios individuais, un por categoría, e un premio especial para o centro que tiver máis participantes na fase final do concurso. Ademais, o xurado poderá conceder mencións honoríficas para os participantes que considerar oportuno.
A proba final do concurso dará comezo ás 17 horas para o alumnado que concorre na primeira categoría (os máis pequenos) e ás 17.25 para as restantes categorías. De xeito complementario ao certame, realizaranse visitas guiadas á Casa-Museo para as familias acompañantes e para os estudantes das categorías superiores. Para os máis pequenos haberá unha sesión de contacontos e xogos e mesmo un tempo para a merenda.
0 comentários :
Danos a túa opinión