Pepe Chao, na súa etapa en Sta. Mariña
Anxo Ferreiro Currás.- Con moito gusto respondo, con estas
letriñas dedicadas a Pepe Chao, á petición que me fai Moncho Paz de un artigo para
o periódico A Voz de Vilalba. E digo
con moito gusto porque fun seu seguidor unhas veces máis achegado e outras máis alongado aínda que sempre admirador
seu, como rural da parroquia de Boizán a
un urbán da vila de Vilalba, unidos polo pequeno anaco da estrada N-634, chegando a compartir pastoral na contorna de
Ferrol.
Para min Chao foi:
indispensabel, escaso e sobrado. Explícoo. Foi indispensabel cando pasou xa
coma un lóstrego nos poucos anos polo Seminario de Mondoñedo; despois nese
tempo meu de aprendiz de crego irlle ver a súa forma nova de ser cura na
parroquia Sta Mariña do Vilar de Ferrol; a chamada que me fixo para irmos
compartillar na equipa das parroquias do cincho de fóra portas nesta cidade
departamental e obreira; a súa perspectiva renovadora da Igrexa que alumaba
horizontes abraiantes na doutrina do Vaticano II, na pastoral da Igrexa como pobo
de Deus, que anuncia a Boa Nova do Evanxeo. Naquel tempo, a finais dos
cincuenta, veu traer a Ferrol un novo comportamento do crego na parroquia coa
supresión dos estipendios da misa e dos sacramentos, coa rachadura da
veneración do “don” do crego sentíndose un veciño máis, Pepe Chao, coa xente deste pobo de Santa Mariña do Vilar,
que convidaba ao crego a comer o caldo como un máis da familia. Tivo sona a
renovación litúrxica coa participación dos fieis ao redor da mesa da Eucaristía, pois xa non se
chamaba Misa, pois deixaba de ser unha obriga e ter valor pecuniario para pasar
a ser o encontro dos irmáns a carón do Evanxeo e compartindo o Pan da Cea do
Señor. Mais isto levaba consigo deixar de ser opio do pobo que din os marxistas
e facer da vivencia relixiosa un compromiso profético de denuncia da
problemática obreira, dos abusos sociais, concretamente do franquismo: penas de
morte que aínda seguía a practicar a ditadura nos anos sesenta e setenta do
século pasado, torturas que practicaban nas comisarías até tal punto que
vítimas acabaron coa vida neses antros policiais, que o tapaban todo con
certificados de suicidios; cárceres e condenas duras contra os promotores de
sindicatos clandestinos que denunciaban tanto abuso social e político. A todo
isto algúns cregos comprometidos responderon coas denuncias puntuais con valentía
e loita xa serodiamente, todo hai que dicilo, aínda que en pago non deixaron de
sufrir cárceres, multas, desprestixio e calumnias, sen ter, en xeral, a defensa
dunha xerarquía española que seguía a defender a ditadura. Todo isto pódese comprobar amplamente no libro de Rosa
Cal, Curas contra Franco (Embora,
Ferrol, 2012).
E foi aquí onde o noso
Chao se sentiu sen forzas e sen gañas de loita nun campo que a el non se lle
daba. Escaso, emporiso, pareceume a min, cando os compromisos de rachar co
nacional catolicismo e acoller a todos os movementos perseguidos pola ditadura
de Franco, sobre todo nos movementos obreiros e en concreto CC.OO. Non chegou a
comprender ben o traballo do seu compañeiro Vicente Couce. Emporiso, Chao
sufriu persecución por verse mesturado en compromisos sociais que el non vía, e
tivo que ir acompañado de Vicente ao TOP, Tribunal de Orden Público, un
tribunal que traballou arreo na ditadura. Chao foi absolto e Vicente sufriu
cárcere na prisión concordataria de Zamora. Deste tempo é unha pintada humilde
mais reivindicativa nos muros do cuartel da Guardia Civil, moi cerca da
parroquia, que durou tempo e que dicía
simplemente: José e Vicente. Para
Chao resultou ser unha pexa por verse afastado da estela eclesiástica cara o
bispado. Non valeron de moito, mellor dito de nada, as firmas e apoios na
Galiza enviadas á Nunciatura para promovelo á mitra en tempos axeitados do papa
Paulo VI. Deixou despois Santa Mariña para desenrolar un traballo, outra vez máis
abraiante, de intelectual e promotor da Galiza. Non hai moito tempo volveu a
Santa Mariña para recibir unha homenaxe daquel pobo benquerido, e ver a Igrexa
pechada por ameazas de ruína que no seu tempo ampliara sobre unhas bases moi
deficientes pola falla de cimento do nacional catolicismo, (que o lector pode
entendelo literal ou metafóricamente). “De alí aínda –din- rezuma a labor
comunitaria e reivindicativa na parroquia de Santa Mariña”. Nesta igrexa tamén
quedou unha obra de arte ben fermosa que se se mira polo ollo da pechadura ou
polas regandixas da porta vese O
Pantocrator de Segura Torrella mesmo no ábside detrás da Mesa da Eucaristía.
Neste campo da súa labor
intelectual foi sobrado, tamén para min con grande admiración. Abraiou no
comezo da democracia co libro LA IGLESIA EN EL FRANQUISMO, 1976. Libro tamén “indispensabel -en
palabras de Xulio Lois- para coñecer a Igrexa de Franco”. A este tema aínda lle
engadiu no mesmo ano outro libriño popular titulado La Iglesia que Franco quiso, editado por Mañana, D. L; Iglesia
y Franquismo. 40 anos de Nacional-Catolicismo, 3C3 Ditores, 2007. E non deixou de tratar o tema teolóxico do
integrismo co libro Marcel Lefebvre. Un
integrismo histórico. Participou en revistas internacionais en temas
teolóxicos, eclesiásticos e sociais.
Mais, convertido ao
galeguismo, destacou sobradamente na súa labor inmensa de intelectual na Igrexa Galega, nos movementos
galeguistas da Asociación Irimia, na revista
IRIMIA e nas
Romaxes de Crentes Galegos. Nesta nosa Igrexa galega que non acaba, ou
aínda non comeza, de asumir a galeguización da súa pastoral, non deixa de haber
algúns grupos testemuñais que Chao alimentou coa súa bibliografía: Por aquí
chégase a Galicia editado por 3C3 Editores, 2012; Itinerario de
conciencia galega, de 2014; A Biblia popular galega, do 2004; Historia
do pobo de Xesús, edicións do Castro, 1987. O tema sexual e celibato e a
homosexualidade foi desenrolado nos seus libros, contrarrestando aquelas
prédicas do bispo de Mondoñedo, Mons. Gea Escolano, O sexo. A muller e o crego, 2004; A
condición homosexual, 1999.
E na Galiza atópanse os dous irmáns Chao, José
e Ramón, co tema de Prisciliano. Ramón facendo en moto o camiño de
investigación de Prisciliano dende Tréveris, onde Prisciliano sufrira o
martirio, pasando por Tours, até Santiago, camiño que recorreran os seus discípulos
para traer o seu corpo a Galicia. Como bo presaxio, nesta camiño á Terra ven
acompañado do seu fillo Manu Chao, que estaba a pasar unha depresión pola
rachadura do conxunto Manu Negra,
confesándolle a seu pai: “presiento
que mi salvación está en Galicia”. E deste percorrido escribe o libro O
Camiño de Prisciliano (Espiral Maior, A Coruña). Ramón sigue a promover esta
figura para Galiza (www.prisciliano.eu). Un pouco antes xa Pepe Chao escribira Prisiciliano,
profeta contra o poder (Promoción Culturais Galegas de A Nosa Terra,
1999). Estes dous libros son estudos moi interesantes para coñecer este
personaxe do século IV transcendental para Galicia, primeiro mártir que
executaron as mesmas autoridades eclesiásticas. E con clara proba histórica na
competencia de Santiago. Xa enfermo tivo forzas aínda para escribir un
interesante ensaio A Humana Fraxilidade, editado por Irimia.
En Vilalba, o seu pobo natal, recibiu
homenaxes para que perdure a súa memoria entre os vilalbeses fachendosos de
termos como amigo e compañeiro ao noso irmán Pepe Chao.
0 comentários :
Danos a túa opinión