Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol

Redacción.-

O 17 de febreiro de 2017, ás 20:30h, renderáselle unha sentida homenaxe ao mestre, escritor e amigo Agustín Fernández Paz no Auditorio de Ferrol.

Na gala proxectaranse diferentes partes dun documental sobre as súas vivencias na zona de Ferrolterra e haberá actuacións musicais da man de Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba.

Recollida de billetes (desde o xoves 9 ao venres 17 de febreiro):
De martes a sábado: Despacho de billetes do Teatro Jofre, de 11 a 13h e de 18 a 20h.
Domingo: Despacho de billetes do Auditorio de Ferrol, de 11 a 13h.
* O día da gala estarán dispoñibles no Teatro Jofre (de 11 a 13h) e no Auditorio de Ferrol desde 2h antes do evento.
A entrada será de balde ata completar aforo.

Agustín e a súa dona Inma chegaron a Mugardos a finais dos anos setenta. Alí traballaron no colexio Unión Mugardesa, centro do que posteriormente Agustín foi director. Alí tamén participaron activamente nas diferentes edicións das Xornadas Pedagóxicas de Mugardos e dende alí promoveron, canda outras persoas mestras da zona, a creación do Grupo Avantar, movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe posteriormente –no 1983- á actual Nova Escola Galega.
Tamén desde aquí colaborou na edición de múltiples materiais didácticos, maiormente editados por Edicións Xerais, colaboración que durou ata practicamente a fin dos seus días, e foi un loitador incansable pola defensa da normalización da nosa lingua e por unha educación renovada e galega.
Foi neste ámbito de Ferrolterra onde empezaron a xurdir as súas primeiras obras, que logo acadarían cumes literarios no ámbito da LIX nunca antes vistos na nosa lingua.
De Mugardos marchou vivir a Vigo e son multitude as persoas amigas que deixou nesta zona, ás que sempre tivo no corazón. A súa pegada queda tamén nos nosos e nos de tantos colexios, institutos e entidades culturais que puideron contar sempre coa súa desinteresada e afectiva colaboración.

31 de xan. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión