Redacción.- Esta mañá celebrouse en Ourense a asemblea xeral da asociación Amigos de Prisciliano, unha rede
multicultural e altermundista fundada en 2012 polo escritor Ramón Chao,
finado hai dous meses en Barcelona. O evento tivo lugar en Casa Saborido, no barrio
da Ponte, un dos espazos de encontro habituais dos simpatizantes
priscilianistas en Galicia.
O primeiro punto da orde do día era a elección da nova xunta directiva, que foi aprobada por unanimidade de todos os presentes, segundo a distribución de funcións que se detalla a continuación. Como presidente herético seguirá á fronte Jean-Claude Carrière, máximo representante do surrealismo francés e que interpretou o papel de Prisciliano na película A Vía Láctea, de Luís Buñuel. O presidente de honra será Ignacio Ramonet; e da presidencia farase cargo Moncho Paz, en substitución de Ramón Chao e por expreso desexo do fundador. A vicepresidencia recae en Antoine Chao; e como secretaria, a catedrática Yolanda Novo Villaverde. A responsable da sede social en Compostela será María Mata Pereiro. E as delegacións quedarán organizadas por provincias e comarcas. En A Coruña, Alicia Castro Barreda; en Lugo, Gabriel Núñez Chao; en Ourense, José Manuel Saburido Forneiro; en Pontevedra, Afonso Ribas Fraga; na comarca da Terra Chá, Pilar Maseda Barrio; na Ribeira Sacra, Iria Fernández Crespo; e no Bierzo, Jesús Arias Jato, propietario do albergue Ave Fénix. Na organización sectorial contarase con Xurxo Martiño como director artístico; na dirección de circo, Leo Bassi será o bufón principal; como director de Estudos Priscilianistas, asumirá a responsabilidade o teólogo Victorino Pérez Prieto; e como director de orquesta levará a batuta Xurxo Souto, músico e dinamizador cultural.
Da coordinación de vogalías encargarase Fermín
Galindo Arranz, e da acción propagandística, Xosé Manuel Ledo Casebio. Por outra banda, nomeáronse uns embaixadores culturais para
difundir a actividade da asociación a nivel internacional. Así, o embaixador
en Francia será Jaime Chao; no Xapón, Tadashi Yamamoto; en Catalunya, Marta Pérez; en Euskadi, Kirmen
Uribe; e en Madrid, Miguel Barrera. Como tarefa pendente, queda aprazado o
nomeamento dun representante en Roma, cuxo primeiro obxectivo sería organizar
un acto masivo nas catacumbas de San Calixto.
Como segundo punto da orde do día aprobouse a
difusión da conferencia “Prisciliano, figura clave na cultura de Galicia”,
que correrá a cargo de Victorino Pérez Prieto. Durante o último trimestre de
2018, esta iniciativa será o eixo central das actividades que se organizarán
ao longo da xeografía galega, e que contarán con acompañamento
musical en cada unha delas.
A asemblea tamén acordou solicitar ao Concello
de Vilalba, localidade natal de Ramón Chao, un recoñecemento oficial á súa
figura, atendendo á presenza constante do seu pobo en toda a súa traxectoria
literaria.
Finalmente, a asemblea de Amigos de Prisciliano votou a favor do establecemento de convenios de cooperación e intercambio cultural con outras entidades, tanto de Galicia como doutros puntos do Estado español e do resto do mundo. Na fotografía, Moncho Paz e Ramón Chao en maio de 2015, na sede da asociación en Compostela. |
0 comentários :
Danos a túa opinión