Redacción. -
Pontevedra é a cidade escollida pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) para celebrar a súa II gala. O evento serve de aposta por un futuro no que o uso da lingua galega se faga efectivo en tódolas temáticas abordadas dende os medios e faino na conmemoración da saída á luz do xornal O Tío Marcos da Portela, o 7 de febreiro de 1876. Así o lembrou o presidente da Asociación de Medios en Galego, Henrique Sanfiz, que engadiu que o Parlamento de Galicia fixo unha declaración institucional para establecer precisamente esa data de saída do xornal como o Día dos Medios en Galego.
Henrique Sanfiz fixo unha invitación a compartir esa celebración acompañado de Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, e Xosé Leal, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra. Ambas administracións respaldan a gala de AMEGA, que ademais contará coa presenza de Touriñán. Será unha oportunidade de disfrutar do seu humor, pero tamén da música de Uxía Pedreira. Polo demais, alí estarán representantes da Asociación Cedofeita, Anxos Sobriño, de Cotenol, e Kiko da Silva, en representación do eido da banda deseñada, entre outros. O evento pecharase coas intervencións de secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
En definitiva, a II Gala dos Medios en Galego servirá para animar a outros medios a utilizar o galego e así o reclamaron tanto Alberto Oubiña como Xosé Leal. Para o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra a existencia de medios en galego ten tres vertentes: a cultural, a informativa e a de creación de emprego. Xosé Leal lembrou que é fundamental o apoio das administracións aos medios en galego para dar, asegurou, “unha situación de normalidade a unha aposta” que cre que ten que ser clave tanto na empresa privada como na pública. En definitiva, é unha aposta clara por “dar normalidade á lingua” en tódalas seccións dos medios de comunicación.
En canto a gala, comezará ás 12 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Para asistir é necesario recoller invitación. Estas estarán dispoñibles a partir das once da mañá deste xoves 31 na Alcaldía do Concello de Pontevedra e no Museo de Pontevedra. Quen queira recollelas en horario de tarde poderá facelo a partir das 18 horas deste mesmo xoves na Librería Paz, na Rúa Peregrina.
AMEGA
A Asociación de Medios en Galego está formada por prensa, diarios en internet e radios. Na actualidade son 40 os que forman parte do colectivo. Dende a Asociación resaltan que o uso de internet abarata a producción e por iso cada vez son máis os que utilizan este vehículo para informar na nosa lingua.
0 comentários :
Danos a túa opinión