Ecologistas en Acción contra San Finx

Redacción.-


A federación galega de Ecoloxistas en Acción ven de presentar un escrito de denuncia pola situación de abandono na que se encontran as presas de residuos mineiros das minas de San Finx, en Lousame (A Coruña). A pesar de que Augas de Galicia, logo da negativa da empresa Tungsten San Finx (filial de Valoriza Minería) a asumir a restauración da zona, concluiu que se trata de presas de residuos mineiros e que a competencia corresponde á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, este departamento continúa procurando excusas, cada vez máis incríbeis.


A máis recente formúlase nun informe que a Xefatura Territorial da Coruña enviou a Augas de Galicia, no que se insinúa que a presa responsábel polo coñecido desastre ambiental de 1960 (que protagonizou o documental “San Finx 1960”) sería en realidade parte dun muíño para moer millo. Desde Ecoloxistas en Acción considérase inacreditábel a actitude da Xunta e faise un apelo á responsabilidade ante o risco real dun novo desastre mineiro que empeorase a contaminación por metáis pesados que xa está afectando á ría de Muros-Noia.


A organización tamén se personou no procedemento de Queixa ante a Comisión de Cumprimento da Convención de Aarhus, dependente das Nacións Unidas, relativo á omisión das obrigas de participación pública e trámites ambientais na autorización por parte da Xunta dos proxectos de explotación e restauración das minas de San Finx. Foi precisamente ante ese órgano onde, por primeira vez, a Xunta alegou que as polémicas instalacións de residuos mineiros non eran tal, senón parte dunha suposta central hidroeléctrica que nunca existiu. O trámite ante a ONU continúa aberto e Ecoloxistas en Acción achegará novos datos.


Ecoloxistas en Acción xa incluíra ás Minas de San Finx no seu Informe Banderas Negras 2017, outorgándolle unha bandeira negra por contaminación en base ás verteduras con metais pesados tóxicos que se veñen producindo de forma continuada e pola ameaza que supoñen as presas de residuos mineiros das que a concesionaria, filial de Sacyr, non quere facerse cargo. Por este mesmo motivo visitou á ría de Muros-Noia en 2019 o veleiro “Deusa Maat” da organización ecoloxista, denunciando a continuidade destes feitos e a inacción da Xunta.

7 de ago. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión