'Conexión Pingüín' en Vimianzo

Redacción. -

O sábado 17 de abril estréase Conexión Pingüín no Auditorio de Vimianzo, unha divertidísima comedia sobre a incomunicación protagonizada por Luís Iglesia e Marcos Orsi con texto do premiadísimo José Prieto e producida por Culturactiva Producións. Tralo éxito de Sénior, estes dous grandes actores xúntanse de novo para meterse na pel de dous intrépidos montañeiros que tratan de chegar á Antártida.

Malia a complicada situación que atravesa a cultura, en Culturactiva non deixamos de traballar para poder seguir ofrecendo contidos de calidade e facendo o que nos apaixona. Como sabedes, unha estrea e os ensaios previos son sempre emocionantes, pero nestes tempos aínda máis! 

Unha reflexión cómica, en dous tempos, a dúas voces, sobre a incomunicación na era da comunicación, nunha posta en escena que mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte, mamá non se enteira, cordas enredadas, un mapa, un compás, un GPS, ... Conexión Pingüín é unha comedia que quere falar da incomunicación entre os seres humanos. Este mal fai estragos todo os días e a todas horas, na casa, coa familia, no tráfico, no traballo... Estamos na súper era tecnolóxica, da conexión inmediata, da telecomunicación, mais nunca estivemos tan lonxe entre as persoas. A trama desta montaxe ten dous planos aparentemente distantes na época, na latitude e no contexto, mais conectados pola liña condutora deste divertido texto. Por un lado, os nosos dous protagonistas trasladarán ao público ao ano 1923, cando tivo lugar unha famosa expedición con rumbo ao polo sur magnético. Dous intrépidos montañeiros, con falta de sentido común e exceso de ego, terán que loitar contra as inclemencias polares, a falta de escoita, o despiste mortal e as súas propias barbas, que non paran de medrar. E por outro lado, unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza aquela fazaña antártica.

Ficha artística

Elenco: Luis Iglesia e Marcos Orsi

Dirección: Marcos Orsi

Xéneros: Comedia

Duración: 70 min

Público: Adulto

Tipo espectáculo: Adulto

Texto: Jose Prieto

Escenografia: Kukas

14 de abr. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión