Redacción. -
Haberá Festival Noroeste Estrella Galicia este ano na Coruña. A presentación oficial de datas e cartel por parte da alcaldesa, Inés Rey, despexou todas as dúbidas tras a cancelación aínda recente dos concertos programados para o estadio de Riazor. A 34 edición terá lugar do 6 ao 8 de agosto e conservará toda a súa esencia e calidade nunha versión similar á do ano pasado que finalmente non se puido realizar. Nesta entrega terán cabida artistas que en agosto de 2020 non se puideron subir ao escenario, moitos deles da escena musical galega.
Catro escenarios en diferentes puntos da cidade asegurarán a expansión do festival polos barrios e evitarán a concentración: praza de María Pita, parque Santa Margarida, Parque Europa e Campo da Leña, onde actuarán 25 formacións, das que catro son internacionais (Cimafunk, Javiera Mena, Morgane Ji e Lina & Raül Refree), 9 nacionais e 12 galegas. Entre estas últimas están nomes como Triángulo de Amor Bizarro, Bala, Mad Martin Trío, Baiuca, Ataque Escampe ou The Soul Jackets, entre outros. A nivel nacional o festival contará por exemplo con Zahara, Los Zigarros, Marlango e o Combo Paradiso.
Homenaxe a Nonito Pereira e Jaime Manso
Como estaba xa previsto o pasado ano, os escenarios denominaranse en xeito de homenaxe a dúas figuras imprescindibles da historia da música moderna na cidade, Nonito Pereira e Jaime Manso, que lles porán nome aos escenarios de María Pita e Santa Margarida respectivamente. Estes dous escenarios e o do Parque Europa contarán con sesións os tres días ás 20.00 e 22.30 horas. Ademais haberá sesións vermú no Campo da Leña durante as tres xornadas e en María Pita o sábado e o domingo co fin de lle axudar á hostalaría animando os ditos días ambas as zonas. Todos os concertos serán sentados debido á evolución da pandemia e as localidades poderanse comezar a reservar desde tres días antes do inicio do festival na web do evento. Canto ás capacidades e dada a evolución actual da pandemia, seguirase rigorosamente a normativa e o acceso será logo da retirada previa de código QR para todas as sesións do día. Establecerase tamén un rexistro de datos persoais. Cos ditos códigos QR poderase acceder ao recinto até 15 minutos antes do inicio do primeiro espectáculo. Despois, o acceso será por rexistro físico na porta até completar a capacidade.
0 comentários :
Danos a túa opinión