"Visións inéditas" na Fundación DIDAC

Redacción. -

Trátase dun proxecto realizado a partir de catro pezas, conformadas a modo de capítulos, que compoñen un documental a través do cal asomarse a algunhas das persoas, lugares e experiencias que axudan a definir e revalorizar o patrimonio cultural galego. As pezas, ideadas especificamente para o proxecto, están dirixidas por Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño e Alfonso Zarauza, que representan unha boa mostra da vixencia e calidade do audiovisual galego contemporáneo. Cunha mirada propia e a partir de ferramentas audiovisuais innovadoras, estes directores aproximáronse a personalidades chave para a nosa cultura a través dun retrato audiovisual expandido que transcende o concepto de retrato ao uso.

Así, Xisela Franco en Oco morno gravou á cineasta Margarita Ledo Andión mentres a acompañaba na súa primeira visita á abandonada fábrica de Álvarez en Vigo; Lois Patiño en ML-AP, filmou por primeira vez aos seus pais, Menchu Lamas e Antón Patiño, e fíxoo en Súper-8 co pano de fondo da súa casa de Alcabre en Vigo; Jaione Camborda en Fragmentos de Janet, buscou realizar un retrato da coreógrafa e bailarina Janet Novás, durante os ensaios para a estrea da súa peza Where is Janet? en Plataforma. Festival de arte performativas de Compostela, e Alfonso Zarauza en Intérpretes realiza unha aproximación ao retrato actoral dende un coñecemento case reverencial ao oficio a través do traballo das actrices das súas películas: Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado. Campos como a danza, a pintura, o pensamento, o cinema ou a interpretación son abordados desde o xenuíno, compoñendo un acervo capaz de revelar o capital simbólico e inmaterial de Galicia.
 
O proxecto Visións inéditas foi beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

2 de xul. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión