Presentación de 'No interior do abandono'

Redacción. -

O venres 13 de agosto presentarase en Celanova, ás 20 horas, o libro “No interior do abandono”, de Baldo Ramos e Carlos Lorenzo, un proxecto que mestura fotografía e poesía para a reflexión sobre un fenómeno que incide nas nosas raíces.

No acto participarán, ademais dos autores, José Antonio Fraga e Xoan Carlos Domínguez Alberte. Tamén contraseña coa actuación musical do grupo Celanova Brass.

A editorial figurandorecuerdo(s)edicions vén de publicar, na súa colección Maruja, No interior do abandono, do poeta Baldo Ramos e do fotógrafo Carlos Lorenzo, un libro que supón unha viaxe emocional por aqueles espazos físicos do rural que están a vivir o esmorecemento. Os autores tentan coa conxunción de palabra e imaxe comprender a actitude dunha sociedade que esquece as súas orixes, que lle dá as costas a un xeito de vida que considera desprezable. Desde esa perspectiva  da beleza pola ruína, Ramos e Lorenzo trasladan aos lectores as vivencias e espazos para todos comúns, lembrados con morriña, mais que moitos non desexan recuperar.  Os autores pretenden crear esperanza e por en valor un xeito de vida que nestes tempos de pandemia descóbrese como o mellor modo de enfrontala.

O libro conta cun texto introductorio de José Antonio Fraga Moreiro (un ninguén) co que tamén abre unha porta temporal ao pasado para recuperar experiencias vividas na aldea do seu entorno familiar, que marcaron o seu xeito de entender a vida e a relación co medio.

O libro compleméntase cunha peza audiovisual creada por Carlos Lorenzo coa voz de Baldo Ramos e coa música de Moisés Quintas.

Para o contido do libro os autores percorreron aldeas dos concellos de Verea, Celanova e A Bola na provincia de Ourense e de Carral na da Coruña.

No interior do abandono é o segundo libro no que comparten autoría Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, despois de que no 2011 publicaran Ramallosa, caligrafías de luz.

OS AUTORES:

BALDO RAMOS (Celanova, 1971)

Poeta e artista plástico.

A súa obra poética está formada por 16 libros, entre os que podemos destacar A árbore da cegueira (Espiral Maior, 2002, Premio Concello de Carral), El sueño del murciélago (Pre-Textos, 2002, Premio Arcipreste de Hita), Palabras para un baleiro (Espiral Maior, 2009, Premio Fiz Vergara Vilariño) ou Cartas dende o esquenzo (Galaxia, 2018).

Ten colaborado con diferentes artistas e escritores en proxectos expositivos e literarios, na Cidade da Cultura de Galicia con Caxigueiro; no Centro Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense con Carlos González Villar ou no Museo do Pobo Galego con Xosé Mª Álvarez Cáccamo.

Ten exposto os seus libros de artista en numerosas galerías, museos e feiras de arte.

CARLOS LORENZO (Caracas, 1968)

Fotógrafo, xestor cultural e documentalista.

A súa fotografía ten percorrido Galicia con varias exposicións e ten chegado ao público en diversas publicacions. En todas as súas facetas profesionais mantén unha estreita relación coa poesía, compartindo autoría con Baldo Ramos (A Ramallosa. Caligrafías de luz, 2011) ou con Olga Patiño (Territorio Acoutado, 2017) en libros nos que a fotografía relaciónase intimamente cos poemas. Como técnico municipal de Cultura, é o responsable do certame de poesía “Concello de Carral”. No 2018 estrea a súa longametraxe documental Vértice de versos, co que repasa a poesía galega recente.

Como resultado dun extenso proxecto de investigación fotográfica publicou Fotos para as mil historias de Carral (2015), e no 2019 publica Celanova ten unha foto, dedicado á vila das súas raíces familiares.

10 de ago. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión