Redacción. -
Hoxe presentouse Guerrila no Teatro Principal de Pontevedra e no Pazo de Mugartegui. Un evento que por primeira vez encherá a vila de artistas referentes da cultura máis comprometida e social, como Marwán, Leo Bassi ou a banda estadounidense The Last Internationale, o 7, 8 e 9 de outubro.
“Guerrilla nace para perseguir a utopía a través da cultura. Unha cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia e accesible a todo o mundo. En definitiva, unha cultura guerrilleira”, afirma Nacho Fungueiriño, coordinador desta iniciativa impulsada polo Concello de Pontevedra e Culturactiva S. Coop. Galega. Ademais, dende a organización destacan que Pontevedra é o lugar perfecto para acoller este proxecto, pois a vila é un exemplo de resistencia a nivel cultural e social en Galicia.
Nesta primeira edición, Guerrilla terá como protagonistas dos faladoiros a Marwán, Iván Prado, Manuel Gago, Eva Mejuto, Montse Fajardo e María Xesús Escudeiro, que conversarán sobre a resistencia galega na II Guerra Mundial, a loita antifranquista en Pontevedra ou a poesía como motor de cambio. Pola súa banda Vero Rilo ofrecerá un espectáculo de narración oral sobre “Historias de amor, vida, guerra e case morte”. Os pratos fortes chegarán a partir das 21:00h coas actuacións do cómico italiano Leo Bassi, o cantautor e poeta Marwán e a banda neoiorquina The Last Internationale.
O obxectivo: pór en valor as loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país e demostrar que non están mortas. Guerrilla é o vivo exemplo de que dende todos os recunchos de Galicia e do resto do mundo estanse a facer pequenas accións culturais para construir unha sociedade xusta para todos e todas.
0 comentários :
Danos a túa opinión