Redacción. -
O próximo 15 de setembro cúmprense 170 anos do nacemento de Manuel Curros Enríquez. Un aniversario que, na súa vila natal, non quixeron pasar por alto unha decena de colectivos culturais, empresariais e musicais. A Banda de Música Municipal, co apoio do Concello celanovés e financiamento do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, capitaneará do 10 ao 12 de setembro un programa que combina actividades musicais, culturais, lúdicas e deportivas co autor de Aires da miña terra como protagonista.
"Emocións, un camiño musical polas letras de Manuel Curros Enríquez", é o título dun proxecto cuxo obxectivo principal é resaltar o nexo entre a cultura e a vila de Celanova, empregando como elemento vertebrador a Banda de Música Municipal, unha institución histórica.
A idea naceu do interese do músico e director Manuel Alejandro López por facer unha composición musical para banda baseada en fragmentos de obras dun dos grandes de Celanova, Curros Enríquez. A partir de aí, desde a Banda de Música Municipal buscouse a colaboración de todos os colectivos do municipio, coa idea de que todos crear un evento para todo o pobo. Ademais da colaboración da Xunta e do Concello, cóntase coa Fundación Curros Enríquez, a Banda de Gaitas de Celanova, o grupo de baile Rebulir e as corais Solpor, Iuvenes e Pueris Cantores e A Bola, ademais da asociación de comerciantes e das Escolas Deportivas.
O acto central de "Emocións" será o sábado 11 ás 18,00 horas no Claustro Barroco coa estrea da composición musical para a banda, con participación das diferentes corais e dous cantantes solistas, acompañados dun narrador, gaita e baile galego.
De venres a domingo, a vila de San Rosendo converterase nun fervedoiro de actividades para todos os gustos e idades. A Casa dos Poetas, o Claustro Barroco, o Auditorio Ilduara e o Mercado de Abastos repartiranse os eventos, que van desde conferencias e mesas redondas para falar de Curros Enríquez, até talleres de pintura e manualidades da man do artista Baldomero Moreiras, a exposición "Curros Escénico" ou unha andaina pola Ruta Currosiana. Entre os poñentes estarán Manuel Alejandro López Pérez, compositor e director, Javier Gándara Feijóo, investigador, Antonio Piñeiro Feijóo
Secretario da Fundación Curros Enríquez e Baldo Ramos, poeta e artista plástico.
Durante toda a fin de semana poderase gozar ademais do mercado de artesanía e antigüidades na Alameda, petiscos temáticos nos locais de hostalaría e da ambientación rueira.
Todos os eventos son de carácter gratuíto, pero dada a situación sanitaria, será necesario realizar un rexistro previo a través da páxina web: https://www.proxectoemocions.com/.
0 comentários :
Danos a túa opinión