Cento vinte anos de 'Ideal Villalbés'

Chema González Barcia.-

Era primavera en Vilalba o 13 de abril de 1902, hai hoxe exactamente cento vinte anos…

Ese home de aspecto afable que ven na fotografía que ilustra este artigo é Antonio García Hermida, un vilalbés de Sancobade nado na primavera de 1885, o sete de abril, que co tempo estableceu o seu comercio no actual número cinco da rúa García Mato. García Hermida, Toniño da Ponte para os vilalbeses de hai cen anos, din que era un home de ben, preocupado pola súa familia, pero cunha gran paixón: Vilalba.

Se teñen a ben, reparen na outra ilustración. Trátase dunha folla manuscrita, que poida que aparecese colgada nunhas poucas portas das casas daquela Vilalba de primeiros do século pasado. Trátase do primero número, e poida que único, de “Ideal Villabés”. Trátase, en definitiva, do primeiro número da pretendida primeira publicación periodística coñecida da capital chairega. E detéñanse nun nome, o que aparece case ao remate da terceira columna, o nome dun rapaz que naquel 1902 tiña dezasete anos e sentía alomenos dúas inquedanzas, a súa vila por riba de todo, e o periodismo: Antonio García Hermida.

Pero aconséllolles que sigan a reparar na reproducción de “Ideal Villalbés”, anque poida que non lles sexa moi doada a súa lectura. Cando menos, párense en certas cuestións formais… A fundamental, que baixo a cabeceira podemos ler “Año I. Nº I”, e a data do mesmo, o 13 de abril de 1902. A primavera, o mes de abril, semella que marca ao seu autor, Antonio García Hermida. E diso hai cento vinte anos…

Hai máis detalles que nos indican que García Hermida (un rapaz con dezasete anos  no ano 1902 en Vilalba!) tiña ben aproveitado o tempo que foi á escola, que non se quedou na lectura do primeiro libro e que xa tiña lido máis dun periódico. Que nos diga que o periódico é semanal e que se edita os domingos; que indique a dirección do mesmo e tamén o escribilo en columnas, demostran que o mozo sabía o que facía. Que os textos sobre “El caciquismo local” e “La higiene pública” denoten paixón xuvenil nunhas denuncias que poida que tiveran firmes alicerces non debería sorprendernos dado que o autor viña de cumplir dezasete anos. Ainda que poida que tivese amigos que lle axudaran: no breve que pecha a terceira columna fala de “…los colaboradores de este periódico…”; coido que nunca saberemos se os houbo e no seu caso quenes foron.

Semella evidente que García Hermida non rematou o primeiro número de “Ideal Villalbés” (poida que nunca se saiba cantos exemplares logrou reproducir; mesmo se houbo un número dous da publicación, ainda que a súa intención era darlle continuidade). O que sería a columna de saída da folla manuscrita quedou en branco, e nese branco escribiu o seu fillo Xosé Luis García Mato un fermoso e sentido texto: “En aquel tiempo García Hermida era un mozuelo de 17 años. Seguramente carecía de medios para imprimir nada, siquiera fuese una hoja volandera. Entonces hizo esto, que podría firmar cualquier joven de hoy. Llevaba ya en la frente un lucero y en los labios la canción. En el corazón la rebeldía. Dejó esta columna para mi, que soy su eco débil y tembloroso”. E García Mato deixa o seu nome, os seus apelidos, tentando reproducir a mesma letra que empregou seu pai para escribir os seus.
Hai cento vinte anos… Era primavera en Vilalba aquel 13 de abril de 1902… Cualificar “Ideal Villalbés” como primeira publicación periodística, como antes dixemos, non deixa de ser arriscado. Pero no que non erramos é en considerala como o antecedente das cabeceiras periodísticas que logo houbo en Vilalba. Os Grupos de Traballo do Colexio “Insua Bermúdez”, aló polo 1985, denominaron como “primavera cultural” os anos abranguidos entre aquel 1902 e 1936, non só polos numerosos periódicos publicados senón pola ampla e variada manifestación cultural que se deu na capital chairega nos eidos da poesía, do teatro, da música e ata nas celebracións do Entroido. E ningún deles se entendería completamente sen a figura de Antonio García Hermida. 

(Lis García Ferreiro, fillo de Xosé Luis García Mato e neto de García Hermida, poeta coma os seus ascendentes, entregoulle unha copia de “Ideal Villalbés” ao Colexio “Insua Bermúdez” aló polo 1984, co gallo da recolleita de prensa de Vilalba feita polos Grupos de Traballo do colexio).
Se incluimos “Ideal Villalbés”, o número de cabeceiras de prensa aparecidas en Vilalba nese período 1902-1936 ascende a dezanove; nada que envidiar a vilas coma Ribadeo, Viveiro, Mondoñedo ou Chantada, ao contrario. E Antonio García Hermida non foi alleo a algunha desas cabeceiras. De feito, colaborou en “El Eco de Villalba” (este si primeiro periódico impreso, que sacou o primeiro número o un de xaneiro de 1908), ou “Villalba y su comarca” (1915). O 25 de outubro de 1914 sacou o primeiro número da revista quincenal “Azul y Blanco”, en alusión ás cores da bandeira galega. Este proxecto foi madurando e mudou na forma e no contido: o 4 de marzo (era primavera…) de 1916 saiu o número un de “Heraldo de Villalba”, o periódico de máis longa vida de todos os que houbo na capital da Chaira antes do 36. Dende as páxinas de “Heraldo de Villalba” García Hermida defendeu os intereses da súa vila, denunciou o que estimaba oportuno e apoiou, por exemplo, a chegada do tren (o nunca construido ferrocarril entre Ribadeo e Lugo) ou a construcción do hospital (logo asilo), como se pode comprobar no número do 6 de agosto de 1920.

De novo era primavera…, neste caso en 1931. Pouco a pouco debeu ir asentándose en Antonio García Hermida un certo cansazo físico xunto co pesimismo derivado da visión que el tiña da situación política. No número 285 de “Heraldo de Villalba”, do 27 de marzo de 1931, escribiu o seguinte: “… ¡Pobre España, víctima de egolátricos conductores antes, de pasionales ensoberbecidos después, de los que van, con el criterio individualista de siempre, a buscar el triunfo de sus ideas ahora aunque para lograrlo se destroce la patria, se desmembre el territorio nacional y se hunda en tal ciénaga sangrienta el porvenir de todos…”. O 12 de abril daquel 1931, o mesmo día das eleccións municipais que propiciarían a chegada da II República, “Heraldo de Villalba” sacaba o seu derradeiro número: Antonio García Hermida entraba nunha longa noite de pedra, na que só ás veces se albiscarían as raiolas que desprendían os seus poemas para as comparsas de Entroido, e poida que outros que non coñecemos. 

O 4 de setembro de 1939 finou García Hermida na súa querida Vilalba, e finou facendo periodismo e falando da súa vila como correspondente de El Progreso. Canso se cumpren cento vinte anos de “Ideal Villalbés”, e noventa e un da desapareción de “Heraldo de Villalba”, e para non perder a memoria nin deixar que a historia se esvaeza poida fose preciso facer a definitiva recompilación da producción periodística e poética (traballo inxente, sen dúbida) de quen foi “el novio número uno de Villalba”, Antonio García Hermida.

CHEMA GONZÁLEZ BARCIA. Foi mestre no Colexio “Insua Bermúdez”.










13 de abr. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión