Por César Reis
Hai pouco máis dunha semana chegou de novo o chamado “horario de verán”, co cal os nosos reloxios adiantaron unha hora respecto ao horario de inverno. Isto vén sendo algo habitual e case rutineiro nestas datas do ano dende hai xa algún tempo. Sen embargo, as escasas referencias críticas ao tema, que apenas se puideron ler ao cabo da semana na prensa, fan pensar que a razón deste cambio (ese posible aforro dun 5% de enerxía) semella non ser excesivamente cuestionada. Malia todo, e co fin de facer unha análise quizais non moi profunda delo, compriría reflexionar un pouco sobre as orixes desta cuestión e, sobre todo, acerca doutra que latexa de fondo e que non adoita lembrarse.
Un pouco de historia
Aínda que existen precedentes, o "inventor" do horario de verán moderno, tal e coma hoxe o entendemos, foi un constructor británico, William Willett, quen en 1905 comezou a idear unha proposta que non acadaría a súa forma derradeira e definitiva ata dous anos despois, no momento no que decidiu facela pública. A adopción desta proposta tivo un inicial rexeite ata que se viu a súa utilidade no transcurso da primeira Guerra Mundial cando (concretamente o 30 de abril de 1916) foi levada a cabo por Alemania e os países da súa órbita por unha razón aparentemente sinxela e de peso: ese cambio horario contribuiría a afrontar a escaseza de carbón naqueles difíciles momentos. Coa aceptación gradual de moitos outros países (os neutrais primeiro, logo os demáis) e sobre todo dos Estados Unidos a partires de 1918, o horario de verán convertiuse nunha convención que, de xeito máis ou menos discontinuo e irregular, estendeuse ao longo do século. Foi a partires de 1974 cando se asentou definitivamente, xa que, coma consecuencia da crise do petróleo do ano anterior, voltou a reivindicarse coma unha imposición case universal consagrando así a súa (ata o de agora case incuestionada) incidencia no aforro enerxético.
Horarios europeos
A cuestión de fondo da que falabamos ao comezo non é exactamente esa, pero vanme permitir que antes de chegar a ela faga outra pequena reflexión.
O continente europeo divídese na actualidade en tres zonas horarias que toman coma referencia o Tempo Universal Coordinado (siglas en inglés UTC), antigamente chamado Greenwich Mean Time (ou GMT), nome que facía referencia ao meridiano que pasaba polo observatorio de Greenwich no Reino Unido (a nomenclatura actual pretende, entre outras cousas, eliminar as referencias locais). Pois ben, esas tres zonas horarias do continente son as seguintes:
- Hora de Europa Occidental ou WET (Western European Time), seguida polas danesas Illas Feroe, as Canarias, o Noreste de Groenlandia, Irlanda, Islandia, Portugal e o Reino Unido. Territorios todos eles que adoptan o UTC+0 ou, para entendernos, a tradicionalmente chamada "hora de Greenwich".
- Hora de Europa Central o CET (Central European Time), antigamente chamada “hora de Berlín” e baseada en UTC+1, é dicir, na adición dunha hora á de Greenwich. Englóbase aquí a maior parte dos países europeos, territorios tan lonxanos uns dos outros coma: Albania, Alemania, Bélxica, Dinamarca, España, Francia, Hungría, Italia, Polonia, República Checa ou Suiza por citar algúns.
- Hora de Europa Oriental ou EET (Eastern European Time), baseado en UTC+2, é decir, dúas horas por riba da hora de Greenwich. Síguena países coma: Bielorrusia, Bulgaria, Chipre, Estonia, Finlandia, Grecia, Letonia, Lituania, Moldavia, Rumanía, Rusia ou Ucrania, entre outros.
O quid da cuestión
Hanse disculpar os parlamentos anteriores, pero son necesarios para o que vén agora, a verdadeira cuestión candente, é dicir, que a estas alturas, a ninguén se lle escapa (se bota unha ollada a un mapa de Europa) que a península Ibérica atópase, case na súa totalidade, ao lado oeste do meridiano de Greenwich (que a cruza máis ou menos pola altura de Castellón). É polo tanto, e sen lugar a dúbidas, un territorio do occidente europeo igual que o é Gran Bretaña. Se a elo sumamos que, contravindo o que se fixera en décadas pretéritas, a adscripción de España ao grupo de países da chamada “Hora de Europa Central”, naquel entón chamada “de Berlín”, data de 1940 (fai falla explicar por que?), decatámonos de que xurde aí unha pequena incoherencia que a case ninguén parece chamar en exceso a atención, a saber: que hoxe en día esa adscripción horaria non só é anacrónica, senón que carece de sentido. Toda a península debería englobarse dentro do primeiro grupo de territorios arriba citado, é dicir, aqueles que teñen como súa a hora de Greenwich e non a de Berlín, ou dito doutro xeito, que parecería máis lóxico que tivésemos a mesma hora que Londres e non a de Praga, Varsovia ou Budapest.
Se a ese desfase horario, que nos fai ir cunha hora por riba da que nos correspondería, lle sumamos o que aporta o chamado “horario de verán”, temos que toda a península, agás Portugal, leva durante varios meses do ano non unha, senón DÚAS horas de retardo con respecto ao horario solar.
Remate
Nós non somos quen de opinar sobre as consecuencias (positivas ou negativas) disto, así que deixaremos esa tarefa para os expertos e que sexan eles os que se pronuncien. A cuestión é moito máis complexa do que a simple vista semella e as solucións poden ser moitas, moi variadas e para todos os gustos. Malia iso, algúns xa se decataron hai tempo de que a reflexión e a búsqueda dun camiño parecen necesarios, aínda que semella non prestárselles a suficiente atención. Entre eles está Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e as Ciencias de Valencia, quen dicía hai pouco (El Economista, 28-03-2008) que "ninguén demostrou que co cambio de hora se aforren cartos. O único que sei é que con el adiántase a hora á que comeza todo e tamén a hora na que remata". Aínda que este científico relativiza os efectos de cara á saúde que este cambio supón, o certo é que (poden facer vostedes mesmos a proba preguntando no seu entorno) a maioría da xente retrasa a hora da cea e, consecuentemente, a de deitarse. Ou quizais non esta última, pero ambas opcións (retirarse máis cedo ou máis tarde tendo ceado unha hora despois do que se viña facendo) traen unha considerable merma da calidade do sono. Analizado isto, case ata resulta lóxico que de vez en cando salte alarmado aos medios algún médico ou científico cuestionando públicamente os nosos hábitos insáns producto de estendidos horarios irracionais. O rechamante é que o resultado desas opinións remata producindo o escándalo de moitos cidadáns de a pe ou dalgún que outro columnista de turno, queixándose alporizado de que determinadas instancias superiores queren gobernar as nosas vidas.
Vostedes fagan o que lles pareza, pero coido que a cuestión merece, cando menos, unha breve consulta coa almofada.
Imaxe: MXM
cesar.reis.alveiros@gmail.com
0 comentários :
Danos a túa opinión