Das novas cousas de Ramón Lamote

O pasado venres, 20 de xuño, tivo lugar a presentación do libro Das novas cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín, así como da 23ª edición en galego do orixinal As cousas de Ramón Lamote. O Muíño do Rañego acolleu un emotivo acto no que parciparon, ademáis do autor, Víctor F. Freixanes, responsábel da editorial Galaxia, o filólogo e tradutor Xavier Senín, durante moitos anos Subdirector Xeral do Libro e Bibliotecas, o escritor Paulo Naseiro, en representación do Instituto de Estudos Chairegos e Afonso Blanco Torrado, coordinador da Fundación Manuel María da Terra Cha.



O Ramón Lamote representou no seu día o maior éxito editorial da literatura infantil e xuvenil galega de todos os tempos, tendo sido traducido a moitos idiomas. Na súa tradución castelá, acadou sona en todo o continente americano. Acadou ademáis o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil para un libro galego.
Na presentación, Paco Martín explicou o por que do retorno do personaxe, 23 anos despois.


RAMÓN LAMOTE ESTÁ DE VOLTA



Paulo Naseiro

Pertenzo a aquela xeración, parece que foi onte e xa van vinte e tres anos, que tivo a sorte de coñecer antes que ninguén a Ramón Lamote a través das lecturas obrigatorias, benditas obrigas, do que por entón se chamaba Bacharelado Unificado e Polivalente. É certo que me encariñei, como case todos, co personaxe, pero non descubrín ao escritor.

Esa descuberta tíñaa feito poucos anos antes. Como lector anárquico e sen guieiro de ningunha clase dende que teño consciencia, Paco Martín chegoume en forma de arrepío, deixándome nun estado de total ingravidez con E agora cun ceo de lama que devorei, como tantas outras obras mestras, grazas ás lecturas, tamén obrigatorias, da miña irmá, por entón estudante de maxisterio.

Conservo aquel libro canda os tesouros da miña biblioteca, asinado hai pouco tempo por Paco, e gastado, vello e achacoso porque volvo a el de cando en vez na procura do Xacinto, do Tornacás, do Moscas, da casa do vello mestre e da Beiravella asulagada, esa metáfora, esa preciosa mistura de realidade criticada e fantasía crítica.

Pero hoxe tocamos outro pau. Outros dous, para sermos exactos. Unha nova edición do Ramón Lamote orixinal, e van creo que vinte e trés en galego e non sei cantas noutras línguas, e o sorpresivo e emotivo retorno do profesor de chairego e debuxante de soños, agora un pouco máis vello, máis retranqueiro se cabe, e tan boa persoa como sempre.

O mesmo Paco dicía hai pouco nunha entrevista en prensa que “Ramón Lamote é o vello que a min me gustaría ser, unha boa persoa pero desgrazadamente non o son”. Só estou en parte de acordo. Efectivamente, Paco aínda ten moito camiño que andar para chegar a vello, Pero en canto ao de boa persoa, son testemuña de que aceptou vir a Vilalba presentar o primeiro libro de certo autor novel e completamente descoñecido, a petición dun amigo común, aínda estando a pasar un momento de dificultades familiares. Iso proba que é polo menos tan boa persoa como o Lamote, non direi máis, e tamén que é persoa comprometida co país e coa cultura.

Nalgunhas épocas aquelo que se adoita chamar “voces autorizadas” pedían que ese compromiso se plasmase en cada parágrafo, en cada liña de cada escrito que vira a luz en galego. Reclamábase unha especie de literatura de combate e resistencia, unha literatura disque “comprometida”. Dubido que sexa unha boa práctica andar todo o día a dicer “que maliño estou, cantos paus me dan”. Máis ben, paréceme acaída aquela letanía dos vellos médicos: “faga vostede vida normal”.

Pois iso é o que nos toca en canto galegos de língua e cultura galega. Facer vida “normal”, que é moi distinto de “normalizar”. Para moitos dos compoñentes da miña xeración, a nosa língua e o noso feito diferencial están totalmente “normalizados”. Se acaso, a porcentaxe dos que falamos a cotío en galego é menor ca en épocas anteriores, pero cando menos sacudímonos a aldraxante diglosia e namoramos en galego, casamos en galego e preiteamos en galego.

E algo ten que ver en todo iso que o best-seller da nosa adolescencia non fose o Harry Potter, senón o Ramón Lamote Miñato, profesor de chairego e debuxante de soños por encarga. Digo best-seller e digo ben, por se hai algún purista entre os lectores. O galego, como o inglés ou o chinés, precisa libros bos e malos, novelas románticas e de terror, narracións eróticas e prospectos farmaceuticos. Iso é a normalidade cousa moi distinta, insisto, da normalización.

Como un daqueles moitos adolescentes fascinados cos entomodelfos e os marmolubios, grazas, Paco, por achegarnos á vida do Ramón Lamote. E grazas tamén por esta nova entrega que a moitos nos fixo emocionarnos de novo, vinte e tantos anos despois, como pasa o tempo, pero que tamén han disfrutar, xa, os nosos fillos.


Praca colocada en 2006 xunto ao Muíño do Rañego pola Fundación Manuel María

21 de xuño de 2008

4 comentários :

  • Leo o artigo e doume conta de algo que xa levo tempo a matinar.En Vilalba e Concello hai tres castes de persoas á miña vista;unha delas é aquela que está enterada de todo aquelo que sae do Concello gobernado polo PP, sabendo todos os recunchos os que ir e onde moverse para conquerir dunha ou outra forma un "postiño" onde poder cobrar un salario e estar coa débeda sempre presente, maiormente cando hai citas elctorais.Outro tipo son aqueles que de algún xeito se dedican a autoagradecerse unhos aos outros, en agrupacións de diversa indole e que fan actos lúdicos e festivos de autorecompensa, e que son semellantes en certa forma ao grupo anterior, só que estes reunense arredor da culktura Galega como desculpa e aparentan ser os creadores de opinión do pobo.
    O terceiro grupo, non é de ningún dos anteriores, e somos os que observamos os movementos dos anteriores, de tal xeito que nos enteramos de todo tipo de actos que fan aqueles, e normalmente despois de que estes xa teñen sido.
    A conclusión é que os dous primeiros grupos, teñen un mmodo de actuar que no fondo pouco os diferencia no sentido de apertura a sociedade; calquera dos dous é pechado para os que non comulgamos exactamente coa idiosincrasia de cada un deles.Non sei si os terceiros somos millores nin peores, só sei que nos enteramos dos movementos anteriores polo sistema da lectura dos medios.
    Coido que deberan abrirse máis a sociedade e que os actos tanto de unhos como de outros foran máis publicitados, facendo unha sociedade máis plural e participativa, que active a vida cotidiana de xeito que haxa unha verdadeira integración dos cidadans de Vilalba e o seu Concello.

    23 de xuño de 2008, 14:06

  • Non capisco moi ben o que queres dicir. Si te refires ao traballo do IESCHA paréceme que andas un pouco errado, pois o seu traballo é publicitado na prensa e radio e tamén en carteis que se colocan pola vila. Si alguén non se entera será porque non ten moito interés, digo eu.

    24 de xuño de 2008, 10:14

  • Ao primeiro anónimo: xa vexo por onde vas, paréceche que en Vilalba hai tres "castes de persoas": os caciques, os do bloque e os "masters of universe" imparciais, independentes, guapos, listos e boas persoas, grupo non que, oh! te inclúes. Non sei se o PP é pechado ou non para quen non comunga, paréceme que si, pero eu asisto regularmente aos actos do IESCHA e da Fundación Manuel María, porque me entero a través da prensa e dos cartaces que adoita haber en todos as vidreiras de Vilalba, e ademáis son socia e me mandan as invitacións, sen ser do BNG!, e coincido con moita xente do PP, do PSOE, do BNG e até con indocumentados.
    En canto ao de "actos lúdicos e de autorrecompensa" e "a cultura galega como desculpa", se che parece mal que Paco Martín escolla Vilalba para a primeira presentación dun libro que é continuación do PRIMEIRO PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL(de España) para un libro en língua galega, e que traia a Freixanes e a Senín, ou que presenten o acto Alfonso Blanco e Naseiro en representación dos organizadores, que ao fin e ao cabo fan o que lles peta porque estamos en democracia, pois non sei que lle queres. Ou é que teñen que traer a César Vidal e Fedegico Jiménez Losantos para que esteas a gusto?

    24 de xuño de 2008, 21:20

  • Xa noto que hai quen non toma ben o que escribin, non me circunscribo ó IESCHA, senón a todas as asociacións de todo tipo, que pululan e non só en Vilalba, e naturalmente que non poido denigrar o traballo do IESCHA de xeito algún, pois debe sere a agrupación que máis se acerca á xente normal do noso Concello.
    A miña visión non trata de ofender a ninguén, só é o que é para mín Vilalba e Concello, e de ningunha maneira poñería eu en cuestión a Paco Martín, nin a outro calquera escritor.
    É unha visión sen máis nada, que eu teño, e que naturalmente é discutible.
    Para rematar, naturalmente que estamos en democracia e cada quén opina o que quere, pois eso.

    24 de xuño de 2008, 21:56

Danos a túa opinión