Carriedo, obra (re)coñecida

María Xosé Lamas

Hai pouco tempo recibín un agasallo sinxelo: un libro. Quen mo achegou foi un amigo e antigo alumno, con instrucións precisas: “Esta é a publicación da miña tese doutoral. Non é para ler, é para que a teñas. De seguro que, fóra do tribunal, ninguén máis a lerá”. Recollina agradecida e só agardei ate que rematou a súa visita para botar unha ollada ao extenso índice que anunciaba un contido estruturado maxestosamente ao longo de 638 páxinas de letra miúda e condensada.

Mario Paz González tíñame falado en conversas mantidas nestes últimos tempos da materia da súa tese, “La obra literaria de Gabino-Alejandro Carriedo”, do seu traballo sobre ela, do absorbido que o tiña e ate do profesor que lla guiaba –para quen incluso me pediu un libro meu con dedicación autógrafa. Mais, as pinceladas de información que recibía foron suficientes para decatarme da miña ignorancia tanto sobre o poeta palentino como da época na que estaba incardinado dentro da literatura española.

Invadiume a curiosidade e caín na tentación de comezar a ler o libro. En breve percibín que era dunha lectura tan amena que se volveu apaixoante ao percorrer noite a noite as súas páxinas convertidas xa en obra de cabeceira ate o seu remate.

Aquel alumno ao que eu, aos seus trece anos, lle ensinara quen era Rosalía, Curros e Pondal, voltábame con creces a formación presentándome non só a vida e a obra de Carriedo, senón tamén a historia dunhas xeracións da literatura española que a penas coñecía: todos os ismos literarios e culturais que floreceron dende os anos de posguerra (postismo, realismo máxico, realismo social...), as súas circunstancias e razóns, as súas manifestacións e as canles polas que circulaban. Autores coetáneos do poeta palentino cobraban agora interese e senso na miña lembranza -Fernando Arrabal, Gloria Fuertes, Juan Alcaide, ou Ignacio Aldecoa- xunto a novos nomes como Eduardo Chicharro, Francisco Nieva, Ángel Crespo e Carlos Edmundo de Ory, entre outros.

Pero se foi significativo o descubrimento desta realidade cultural, tamén o foi o do propio autor protagonista desta tese a través do seu contorno literario que Mario Paz vai derrafando na descrición minuciosa de cada unha das súas obras dende o Poema de la condenación de Castilla (1946), ate a última editada en vida do poeta, Nuevo compuesto descompuesto viejo (1980), incluíndo as publicacións póstumas: Lembranças e deslembranças (1972-1980) e El libro de las premoniciones (1972-1981), que complementa con un fondo estudo sobre a tematoloxía e os elementos formais da poesía de Carriedo e remata agasallándonos con varios apéndices entre os que destacan tres poemas totalmente inéditos do palentino e dúas entrevistas ao autor realizadas unha para Radio Estocolmo (en xullo de 1964) e outra para o programa de televisión “Encuentros con las letras”, emitido en setembro de 1980.

Agora sei que debo agradecerlle dobremente a Mario Paz o seu agasallo. Dunha banda, darlle as grazas por satisfacer a miña curiosidade enchendo un baleiro que permanecería goro se non tivera a oportunidade de ler o seu libro; doutra, a miña gratitude por facerme sentir orgullosa de ter un alumno doutorado con “Sobresaliente Cum Laude”. Gosto egoistamente de pensar que para que medrara esta magnífica árbore algo suporía que eu vertera sobre a súa semente unha pinguiña de auga.
__________________

PAZ GONZÁLEZ, Mario.
La obra literaria de Gabino-Alejandro Carriedo.
León: Universidad de León. 2008.
638 pp.

23 de xuño de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión