A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza vén de convocar axudas destinadas a fomentar a prestación dun servizo de normalización lingüística nas entidades locais e a subvencionar a organización e desenvolvemento de campañas de normalización lingüística. O departamento autonómico achegará ata 800.000 euros con este obxectivo, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia na súa edición de hoxe.
Estas axudas serán para a creación de novos servizos locais de normalización lingüística, para o reforzamento dos xa existentes mediante a contratación de especialistas en lingua galega e para a organización de campañas e elaboración de publicacións co obxecto de lograr a normalización lingüística na entidade local.
Os servizos locais de normalización lingüística deberán desenvolverse por especialistas en lingua galega que posúan algunha das seguintes titulacións: licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (sección galego-portugués). Así mesmo, terán prioridade na contratación os licenciados que, ademais da titulación esixida, posúan o diploma do curso superior de linguaxe administrativa.
Estes servizos desenvolverán o seu labor tanto no aspecto lingüístico como no sociolingüístico. Asemade, deberán promover que na regulamentación municipal figuren unhas cláusulas que establezan que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radio municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como idioma xeral de referencia oral e escrito; que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local que se refiran a actividades de ámbito galego se redacten en lingua galega; que as intervencións xudiciais da Administración se realicen en lingua galega; que os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións locais leven incorporada a recolla da microtoponimia -consonte o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia-, e que o material toponímico recollido sexa remitido ao SITGA (sistema de información territorial de Galicia) para a súa organización e posta a disposición da sociedade; que as prestacións froito dun contrato subscrito por unha entidade local se ofreza, como mínimo, en lingua galega; e que a facturación que emitan os provedores da Administración local estea redactada, como mínimo, en lingua galega.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de hoxe. Para a súa avaliación terase en conta os seguintes criterios: que a subvención se destine á creación de novos servizos de normalización lingüística; que se destine ao reforzamento de servizos xa existentes; a realización de campañas de levadas a cabo polo servizo de normalización existente na entidade local; a realización de campañas desenvolvidas polas entidades locais que non conten cun servizo propio; e a realización de campañas de normalización da lingua galega en colaboración con outras entidades.
Nas campañas priorizaranse, sobre todo, aquelas que se destinen aos sectores recollidos no Plan xeral de normalización lingüística ou as que teñan por obxecto a rotulación toponímica municipal. Así mesmo, neste último caso terán prioridade os concellos que teñan executado o proxecto Toponimia de Galicia.
0 comentários :
Danos a túa opinión