Lugo, 20 xuño do 2008
Meu amigo Antón:
Debo dicirche que, efectivamente, esta semana estivo ben cargada para min, sobre todo pola morte de Antón, o perruqueiro, que para a miña familia era algo máis ca un amigo. Estrañeite moito, porque eu ben sabía que tamén ti lle tiñas un aprecio especial e, sen embargo, non puideches acompañalo.
Tamén quero dicirche que estes días andaba eu moi interesado en ver un programa de televisión transmitido pola Sexta. Pois nada, en toda unha zona da vila non hai xeito de sintonizala. Lémbraste, Antón, que en varias ocasións lle teño escrito cartas ao alcalde para ver se el era quen de lle ofrecer ao pobo ese servizo de adaptar o emisor de Mourence e que no conxunto do concello se podan ver as emisións en aberto?. Pois ben, nunca me respondeu nin nunca fixo nada.
Moitos dos que non poden ver esas emisións calan coma ovellas e seguen a darlle o voto, así que, para que se vai molestar?. E iso que a solución dese asunto do repetidor é cousa ben pequena, pero é igual: polo que se ve, non entra nos seus planos. Como tampouco entra amañar outros asuntos ben doados. Vouche contar: onte mesmo, á tardiña, cando estabamos os dous ao teléfono, xa te decataches de que te despedín á presa porque, expliqueiche, apareceron de súpeto uns meus amigos valencianos, traballadores da cultura e colegas de ensino. Pasaban por Vilalba e, para poderen estar un cachiño comigo, decidiron pasar a noite aquí. E, cando me atoparon, non se cansaban de amosar a súa perplexidade: non podían entender que a saída principal do Parador dése a un garaxe ao ar libre.
A praza da igrexa estaba inzada de coches aparcados, a pesares de que sinalización oficial indica que só poden estar en batería, e xa é feo dabondo. Un dos meus colegas, especialista en urbanismo, botábase as mans á cabeza e preguntábame unha e outra vez como era posible que unha vila coñecida por España adiante déra esa sensación de incultura rampante: como as autoridades poden consentir que a praza máis senlleira da vila, fronte a un importante establecemento de turismo de alto nivel, se poda converter en aparcadoiro?. Eu non lle souben responder; non sei se ti, Antón, terás algunha resposta. En fin, sei que a tes, pero nin podo reproducir as túas palabras nin ti queres que o alcalde as escoite, no caso de sospeitar que es ti quen as di.
Porque así andamos, e moita xente, coma ti, por non molestar, deixa que este noso pobo siga a estar porco, desarticulado, sen iniciativas e sen atractivos ningúns. Malia todo, para rematar, teño que poñer unha excepción nisto das iniciativas e dos atractivos. Un amigo pasoume un DVD onde puiden contemplar un espectáculo ben fermoso realizado por xente nova da nosa vila que é moito máis espelida culturalmente do que cren as autoridades que nos gobernan. Tratábase dun espectáculo ofrecido, en colaboración, pola Banda de Música e a Escola de Teatro. Puxeron en escena unha dramatización do Peer Gynt sobre o fondo musical da suite do músico Grieg. Para seren nenos, tanto os do teatro coma moitos dos da Banda, asegúroche, Antón, que me gustaría mostrarlles ese espectáculo aos meus amigos valencianos para que compensaran a súa impresión do aparcadoiro coa beleza desta realización escénico- musical.
O que non entendín é por que non se fai unha publicidade máis intensiva destes acontecementos, porque eu canseime de preguntarlle a varios amigos e case ningún estaba ao tanto desta realización. Uns cursos de publicidade non virían mal para os organizadors de actos de toda caste: nos lugares onde non abondan actividades culturais resulta imprescindible unha información moi intensiva e motivadora. En todo caso, eu non souben de esa representación, e ben que o sentín. Ti, como non andas por Vilalba, tampouco me dixeches nada. Pero podemos, desde aquí, felicitar ao director da Banda e á da Escola de Teatro, así como aos rapaciños e raparigas que tiveron que dedicar moitas horas á realización de algo así de fermoso. Quedan pois patentes as nosas felicitacións.
E tamén queda patente o meu consello de que te coides. Unha aperta
Bernardo
Said
Estimado Bernardo, xa que Antón non quere, eu como unha persoa da vila sí o vou facer.
Os nosos gobernantes, que xa levan anos os mesmos de sempre, non saben ou non queren, iso non o sei.O que é pura realidade en Vilalba son as obras fastuosas que non levan a ningures, velaí:Praza da Constitución ou Cementón con varias remodelacións a cada cal peor, Obra da Magdalena simulando a Torre con forma de tobogán, casualmente situada no millor paraxe da Praia, e que causaría os teus amigos valencianos maior impacto visual, a peor que é como mellor queda, os dentes de serra que hai na construcción supoño que tamén, a irracionalidade do desenrolo da vila,que medra ao chou.Obras suntuosas que ainda que beneficiosas, poderían ser máis modestas:Piscina, Campo de Futebol, Auditorio etc. e xa son unha pila de millóns de euros que por riba hai que manter.
Para rematar, agardo que non fagan esa obra que non entendo eu moi ben de que vai, no Campo da Feira, que ademáis leva Aparcadoiro Subterraneo, como si non existira chán de abondo para aparcar.
Estas e máis que ainda por ser menores non deixan de ser suntuosas, para un concello que non vai precisamente cara adiante senon todo o contrario, agás os cartos que cobran os políticos por facer o anterior.
Supoño que algún día faranse as cousas con xeito, ou eso agardo.
Que así seña.