Homenaxe a Alexandre Bóveda

Redacción

O pasado sábado 30 de agosto inaugurábase en A Coruña unha estatua para homenaxear á figura do intelectual galeguista Alexandre Bóveda, co gallo de conmemorar o seu asasinato nun dos moitos fusilamentos levados a cabo na Guerra Civil. A organización correu a cargo da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB). O acto contou cunha actuación da banda municipal ás 12:30 horas, no paseo que leva o nome do homenaxeado e a continuación a comitiva dirixiuse á praza de Catro Camiños, onde se ubica a escultura.

A obra en cuestión, elaborada con máis de cincuenta pezas de cerámica e unha altura de catro metros, pertence ao escultor galego Francisco Pérez Porto e consta dun cilindro rodeado por varias caras anónimas sobre o cal se ergue unha muller cos brazos abertos, representación alegórica de Galicia.

A importancia de Bóveda débese, entre outras moitas cousas, a que foi un dos artífices de que a Constitución Española de 1931 recoñecese a condición de nacionalidade histórica para Galicia. Con este acto trátase de homenaxear “aos miles de vítimas da represión franquista, e tamén a todos aqueles que sufriron exilio ou cárcere”, segundo se apuntaba dende o Concello.

1 de set. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión