Pero sigo sieeeeendo el reeeeey....

Iago Castro

Non me cadrou andar por Vilalba o sábado, día 30 á noitiña. E ben que tiña ganas de ver ao amigo Tosar con The Ellas, e de lembrar vellos tempos con Miguel Costas, ex de Siniestro Total e Aerolíneas Federales. Mais, segundo parece, este cartaz de luxo quedou eclipsado. Nin os Tosar´s Boys versionando a Suzanne Vega ou ás Bangles nin o lendario Allatollah no me toques la pirola ficarán na memoria histórica do noso pobo, polo demáis ben fraca. Non, a estrela da noite foi, señoras e señores, nada máis e nada menos que o noso alcalde!

Contan, e non paran, as privilexiadas testemuiñas do momento histórico, que Criado subiu ao palco na Praza de Santa María para compartir actuación cun mariachi mexicano, interpretando as dúas rancheiras tabernarias por excelencia: Jalisco e Sigo siendo el rey.

A min, a estas alturas, xa nada me sorprende. Sei de moitas voces indignadas prenguntándose como narices chegamos a estar representados por este alcalde, pero como eu nin sequera estou empadroado en Vilalba, aforro a vergoña. O que sinto é non ter contemplado en directo o espectáculo. Levo dous días agardando que alguén colgue a ocasión irrepetíbel en youtube, pero nada. Non haberá un alma caritativa que, na era dos móbiles super-mega-guais teña gravada a histórica escena?

Entretanto, creo que sería bo animar ao señor Criado para que siga adiante no mundo do espectáculo. É posíbel que gañáramos un artista e perderamos un alcalde, pero menos se perdeu en Cuba. Aos que opinan que é bo que os políticos "se acheguen ao pobo", habería que lembrarlles que hai moita diferencia entre un político popular, outro populista e un demagogo. Á falta doutra cousa, déixolles un exemplo desta última clase que atopei por youtube: o ínclito Hugo Chávez cantando, como non, Sigo siendo el rey. Parece que Deus os dá e eles se xuntan...


2 de set. de 2008

1 comentários :

  • Estou de acordo en que Vilalba ten unha mala representación có Alcalde que temos, e inda engadiría máis, os acompañantes de Criado no Goberno Municipal non andan moito atrás.Tampouco os Alcaldes anteriores deron a talla agás Baamonde, máis tiña as mesmas ideas.
    O que xa non estou tanto de acordo é en lle chamar rancheiras taberneiras a cancións que representan a cultura de un Pobo, e que neste caso ademáis semella inda que non seña a intención, que o Grupo Mexicano non tiña moito nivel, e penso que para os oidos que alí estaban o tiñan de abondo.E moito menos me gusta comparar a Criado có máximo representante de Venezuela, e que ao meu entender inda terá que demostrar si é tan ínclito, pero supera en intelixencia por moito a Criado.

    3 de setembro de 2008, 18:51

Danos a túa opinión