Comeza a rehabilitación das Torres do Arneiro


EA1GVN

A Secretaría Xeral de Comunicación anunciou nun comunicado de prensa a realización de diversos traballos de rehabilitación nas dúas torres sobrevivintes do radiofaro Elektra Sonne usada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.

Os traballos consisten no acondicionamento e desbroce do entorno e mailos accesos, así como na substitución dun tensor que se atopa en mal estado. A terceira das torres, irrecuperábel, derrubouse en marzo de 2006.

O sistema Elektra Sonne foi desenvolvido polo enxeñeiro Ernst Kramar, mellorando o anterior American Radio Range. Debe o seu nome á famosa ópera de Richard Strauss. Básicamente tratábase dun procedemento radiogoniométrico: os radiofaros transmitían un sinal central e dous laterais, simulando unha rotación, o que, coa axuda dun cronómetro, un receptor de frecuencia de banda Beacon e unha carta de navegación, permitían establecer a latitude dun barco ou un avión. Combinados os sinais de dous radiofaros, e por triangulación, podíase establecer a posición exacta da nave.

As forzas armadas alemanas mantiveron diversas estacións Sonne en diversos puntos de Europa, sendo utilizadas tamén polos aliados en canto descubriron a súa utilidade, despois de que capturaran algunhas cartas alemás. Estes, grazas ao traballo do Capitán Richardson, da R.A.F., chamáronlle ao sistema CONSOL e elaboraron as súas propias cartas de navegación. Debido a isto, nunca foron bombardeadas pola aviación aliada. Como dato curioso, Rudolf Hess foi guiado polo sistema Elektra-Sonne na súa increíble viaxe dende Ausburgo ao norte de Escocia en maio de 1941, a bordo dun trimotor Messerschmitt Bf 110.

A estación chairega recibía o indicativo LG e emitía na frecuencia de 285 khz. Entre cada antena hai unha distancia de tres lonxitudes de onda, isto é, 2.823,104 metros. Para a súa montaxe, con equipos Telefunken e e para garantir o reemprazo do persoal operador e a subministración de recambios, foi construída a base aérea de Rozas. O radiofaro pasou á dependencia do Ministerio do Aire até 1962, e até 1971, data de peche das instalacións, dependeu da Dirección Xeral de Aviación Civil. A día de hoxe, os danos producidos pola falta de mantemento e o paso do tempo converten esta reliquia histórica en case irrecuperábel.


Fotografías: (1) Elektra-Sonne LG en 1941; (2) a torre derrubada en 2006.


Para saber máis:
Radiofaros Consol, de Borja Fernández
Elektra-Sonne, by Ian Williams

12 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión