Ramiro Fonte (1957-2008), in memoriam


Mario Paz González
Para os xaponeses outubro é o mes sen deuses. Un mes no que só importan as pequenas cousas que conforman a vida. Un mes no que se vive nun paréntese de liberación e descanso para ollar o mundo con distancia. “Outubro coma tregua. Coma ausencia de todo / o que excede os límites”, nos di González-Iglesias. Isto mesmo debeu pensar outro poeta, Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957 – Barcelona, 2008), cando escolleu este mes para deixarnos.

Aínda que non publicaría o seu primeiro e fundamental libro, As cidades da nada, ata 1983, este vate, crítico, narrador e ensaísta non era un descoñecido no mundo literario, pois dende finais dos setenta foi destacado integrante do grupo “Cravo Fondo”. Virían logo outros títulos non menos interesantes coma Pensar na tempestade (1986), Pasa un segredo (1988), Adeus Norte (1991), Luz de mediodía (1995), O cazador de libros (1997), Mínima moralidade (1997) ou Capitán Inverno (1999). No eido narrativo compre destacar: Catro novelas sentimentais (1988), As regras do xogo (1990), Aves de paso (1990), a extensa novela Os leopardos da lúa (1993) ou a autobiográfica Os meus ollos (2003), na que lembra os primeiros anos de infancia na vila natal de Pontedeume, previos á partida cara a Ferrol. Algunhas frases do comezo poderían ter hoxe unha lectura case premonitoria: “Entón aprendín que un nunca está preparado para ese momento en que o destino nos arranca das mans as cousas queridas. Mellor así, porque tampouco poderiamos responder nada. Sangramos por dentro porque nos cortan as raíces. Soportamos a dor. Non abrimos a boca. Non existe a persoa que poida comprendernos”.

O papel da memoria individual e colectiva, a perdurabilidade do tempo, a importancia do azar no destino, a propia literatura ou a paixón pola vida son algunhas constantes da súa obra. Ademais de poeta e narrador, Fonte desenvolveu unha fértil traxectoria coma ensaísta e crítico na que acostuma a destacarse As bandeiras do corsario (1995), no que plasmou moitas das súas ideas e reflexións sobre a poesía do século XX.

A madrugada do pasado sábado 11 deste mes de outubro o poeta finou no hospital de Bellvitge de Barcelona onde levaba ingresado dende o pasado 23 de setembro e hoxe, ás cinco da tarde, na compaña dos seus, foi enterrado en Pontedeume.

Ademais de profesor de Literatura Galega en Vigo e Membro correspondente da Real Academia Galega, Ramiro Fonte exercía dende 2005 de director do Instituto Cervantes de Lisboa. No seu haber constaban diversos galardóns: Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez (1984), Premio da Crítica Española (1989) e, recentemente, o Premio Porto Magno, que outorga o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.

Neste outono que comeza, neste mes sen deuses, nesa insegura certidume do soño, da memoria improbábel que nos sucederá coma única insegura herdanza, que mellor homenaxe ao poeta que que lembrar os seus versos, cando dicía:

Nos soños, que son pontes para cruzar a vida,
Faranse outros camiños,
Aínda máis perdurables.

mariopaz@avozdevilalba.com

13 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión