Dous novos libros da Colección sobre a memoria da emigración galega en Cuba e Arxentina

Redacción
Dúas publicacións importantes para o rescate da memoria da emigración galega en Cuba e na Arxentina foron presentadas onte como parte da Colección Galicia Exterior nun acto no que interviron José María Arias, Vicepresidente da Fundación Barrié e presidente do Banco Pastor, e Ramón Villares, Presidente do CCG. Xunto a eles estiveron Pilar Cagiao Vila e Xosé Manoel Núñez Seixas, historadores e prologuistas dos dous libros: “A Galicia antillana: Formación e destrución da identidade galega en Cuba, 1899-1968” e “Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa”.
A primeira das obras, “A Galicia antillana: Formación e destrución da identidade galega en Cuba, 1899-1968”, foi realizada por José Antonio Vidal Rodríguez, antropólogo doutor en Historia e especialista universitario en migracións. Trátase dunha achega ao periplo dos emigrantes galegos en Cuba desde os comezos do século XIX ata 1960. Naqueles anos uns catrocentos mil galegos escolleron Cuba como destino e participaron activamente na vida da illa ata que, coa revolución de 1959, se borraron parte dos seus sinais de identidade, coa intervención nas súas asociacións, a prohibición das súas publicacións e a nacionalización das súas propiedades. Isto duraría ata 1991, ano no que, coincidindo coa histórica visita de Manuel Fraga, Presidente da Xunta, a Cuba, puido poñerse en marcha un movemento de recuperación dese legado. Neste proceso traballaría a fondo o autor do libro. Pilar Cagiao destaca as análises de Vidal Rodríguez sobre o asociacionismo como mecanismo de reforzo da identidade, pero tamén a cuantificación do movemento migratorio Galicia-Cuba, a tipoloxía dos emigrantes e o proceso de inserción na sociedade cubana.
O outro libro, “Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa”, de María Rosa Lojo, Marina Guidotti e Ruy Farías, fai un análise pormenorizado da incidencia demográfica e cultural dos galegos no imaxinario argentino. Sobre todo a través da prensa, o sainete ou xénero chico criollo e tamén na considerada “alta literatura”. Un itinerario revelador da tensión entre as imaxes estereotípicas ou brutalmente caricaturescas e a matizada riqueza de tantos indivíduos, presentes nos xenes e na memoria da sociedade arxentina.
Imaxe: "Tórax dun galego emigrante", de Miguel Ares Rodríguez, 2.º Premio da Secretaría Xeral de Emigración 2007.

8 de nov. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión