Maná martes 11 de novembro, ás 17 horas, o Director do Centro de Arte Contemporánea Wifredo Lam, Jorge Fernández, falará na Biblioteca do Consello da Cultura Galega sobre as “Relecturas críticas da arte producida en Cuba”. O acto estará presentado por María Luísa Sobrino, coordinadora da Sección de Creación e Artes Plásticas. O Centro de Arte Contemporánea Wifredo Lam mantivo, desde a súa fundación, interese sistemático no desenvolvemento das diferentes manifestacións das artes visuais: pintura, escultura, fotografía, gravado, instalación, debuxo, vídeo arte, arquitectura, accións plásticas e arte popular, así como a circulación e recepción destas creacións tanto dentro como fose do contexto do terceiro mundo. Elo é lóxico se temos en conta que foi creado o 28 de febreiro de 1983, como institución concibida para a investigación e a promoción das artes visuais contemporáneas de África, Medio Oriente, Asia, América Latina e o Caribe; así tamén como para o estudo e a divulgación da obra do pintor que lle da nome, o máis universal dos pintores cubanos.
O seu principal labor como institución é a organización da Bienal da Habana, evento expositivo de grandes dimensións no cal participan artistas de todas as latitudes. A institución posúe un valioso acervo de arredor de 1250 obras de arte en colección permanente. Estes fondos formáronse a partir de doazóns de artistas e obras adquiridas mediante a compra a institucións e aos propios autores. Diversas exposicións tanto en Cuba como no estranxeiro foron posibles grazas aos fondos da colección. Esta entidade dispón de igual forma dun vasto patrimonio bibliográfico e documental sobre as artes visuais contemporáneas de Asia, África, Medio Oriente, América Latina e o Caribe. O Centro acolle ciclos de conferencias especializadas e exposicións de artistas nacionais e estranxeiros, para iso conta con espazosas salas de exhibición, salón de conferencias, proxección de vídeos e lugares para a animación cultural.
0 comentários :
Danos a túa opinión