Refundar refundarei...

Por César Reis

Imos ver, deixen que me aclare. Ou sexa que, ao final, o presidente Rodríguez Zapatero vai acudir ao famoso cumio do próximo 15 de novembro en Washington, ese no que din que se vai “refundar” (ese palabro) o capitalismo ou, dito eufemísticamente como adoita preferir a prensa, “reformar o sistema financieiro mundial con resultados concretos no prazo de cen días”. E que o vai facer como parte da representación europea xunto con Alemaña, Francia, Reino Unido e Italia, membros estes catro do G-20, o grupo dos países máis ricos e das economías máis emerxentes. Que queren que lles diga? Non me parece mal, non serei eu quen o critique. Sexa como for, Sarkozy dixit, Zapatero iría en representación da “oitava potencia económica mundial” (España). Iso si, simplemente desexaría facer unha pequena puntualización, coido que necesaria, pois penso que nesa reunión hai alguén que non debería de ningún xeito faltar. E non me refiro a Joe The Plumber (of course), senón a outro persoeiro singular, Reinhard Marx, arcebispo de Múnic e Freising. Non, non se asombren nen alporicen (ou alomenos agarden aínda un anaco), tampouco me xulguen tan rápido. Só deixen que me remita aos feitos. Empezarei, como debe ser, polo comezo.

Hai case vinte anos, na madrugada do 9 de novembro de 1989, comezou por parte dos cidadáns de ámbolos dous lados da Alemaña o derrube do muro de Berlín, aquela “extravagante” construción que durante case trinta anos cometeu a brutal atrocidade de dividir unha cidade en dúas, cernando con iso a vida dos seus cidadáns, separando a amigos, familiares, vidas e traballos e convertendo a Berlín Occidental nunha especie de illa incrustada no medio da República Democrática Alemá, unha illa da que apenas podía saírse a non ser por vía aérea. Aquel acontecemento histórico que foi a caída do muro adoita verse hoxe como un feito simbólico que habería de marcar o fin dun sistema económico, político e social, así como o de toda unha era. Como consecuencia diso viría ao pouco tempo algo que xa se estaba xestando, o proceso de reestructuración (Perestroika), desmembramiento e desaparición dun dos grandes bloques da chamada “guerra fría”, a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), un macro estado totalitario que ademais exercía un forte control sobre moitos dos países da súa órbita aínda que non estivesen incluídos directamente nela.

Coa caída do muro, de súpeto, un gran número de intelectuais e políticos de todo o mundo sentíu que estaba a perder moitas das referencias que marcaran, até aquel momento, boa parte dos seus soños e, se así se quere, das súas utopías. A cousa non pillou á maioría de novas, xa que, desde moitas décadas antes, cada vez máis sectores viñan cuestionando un tipo de organización como aquel, que limitaba enormemente as liberdades individuais (chámese ditadura, do signo que sexa). A estampida, ideolóxicamente falando, non se fixo esperar e tivo lugar en masa. Ninguén parecía querer saber xa nada desa ideoloxía, de súpeto obsoleta, que nacera a finais do século anterior cargada de boas intencións e dun idealismo, afortunadamente, inxenuo, pero que agora se vira que acabara rematando dun xeito inapropiado (véxase paréntese anterior). Cómpre sinalar aquí que o que viría despois para moitos deses países que formaban parte do bloque, como Rusia, non habería de ser, polo menos en aparencia, moito mellor que o que tiñan.

Neste momento, uns cantos anos despois, prodúcese outra caída, a do capitalismo férreamente defendido polas ideoloxías de signo liberal que tanto se loubaron de que o mundo sería distinto tras o fin daquelas doces e falsas utopías. Pero agora si soou a agardada voz de alarma e hai que tentar “refundalo” canto antes, ao capitalismo enténdese.

Chegados a este punto, non podo deixar de preguntarme: por que entre tanto cranio privilexiado que se autoproclamara marxista, comunista ou socialista, ninguén tivo a lucidez naqueles momentos de confusión de propor a necesidade dunha estratexia parecida, é dicir, de “refundar” o socialismo, o marxismo ou o comunismo? Por que ninguén dixo: “Hei nachos, xuntémonos todos en Moscova a ver se reanimamos isto?” En lugar diso as ratas abandonaron rapidamente o barco mirando cara a outro lado coma se a cousa non fose con eles (ata lle restituiron o vello nome de San Petersburgo a Leningrado).

Ata que, case vinte anos despois, entrou en escea monseñor Reinhard Marx.

A casualidade do apelido xa daría pé para unha serie de bromas que, por respecto, absterémonos de realizar aquí. De calquera xeito vese que as declaracións das altas xerarquías eclesiásticas dan, últimamente, abondo máis xogo que as de moitos políticos reputados. O caso é que Reinhard Marx, arcebispo de Múnic e Freising, acaba de publicar un libro titulado O capital (como oen), de igual título e formato ao do seu homónimo de apelido, aquel entrañable don Carlos. Un libro, asegura en Der Spiegel (27-X-2008), “concienzudamente traballado” no que defende unha economía redeseñada en función de normas éticas, pois, segundo el, “a doutrina social da Igrexa é crítica co capitalismo”, pois este, non é senón un pecado relacionado coa “cobiza”. Porque, engade, “Karl Marx non está morto e hai que tomalo en serio”, iso si, sen “deixarse arrastrar polas insensateces e atrocidades cometidas no seu nome no século XX”. Ou sexa, que parece que o que propón este home é algo que a ninguén pareceu ocorrérselle propor no seu día (ou si?): “refundar” o socialismo no estilo daquela Primavera de Praga, que non buscaba máis que un intento de liberalización política do bloque hexemónico a través dun “socialismo con rostro humano”, tal como proclamaron Alexander Dubček e os seus colaboradores cando se converteu en presidente do Partido Comunista da antiga Checoslovaquia en xaneiro de 1968, fai agora 40 anos.

Pero en fin, non nos enganemos, o socialismo non se refundou, non por falta de cranios privilexiados, senón porque debeuse pensar que, ao contrario do que está a suceder agora (a partires deste 15 de novembro en Washington) co capitalismo, non era, no fondo, algo tan rentable, polo menos para algúns, xa me entenden (bussines is bussines). Tampouco sexamos inxenuos. Postos a refundar ao mellor aínda é máis doado conseguir que, antes que o socialismo, se refunde o surrealismo, o dadaísmo, o futurismo, o postismo ou, poñamos por caso, o Hartismo. Así que non vaiamos crer agora que esta proposta de repensar o marxismo vai vir de alguén como monseñor Reinhard Marx, pois, por moi boas intencións que teña, pertence ao clube que pertence, un clube que non se caracteriza, precisamente, polo seu espírito xacobino (teoloxía da liberación aparte). Porque, tal e como sinalou Klaus Peter Kisker, profesor que imparte un curso sobre socialismo titulado Marx Reloaded na Universidade Libre de Berlín (FU), “a Igrexa católica, igual que moitos actores sociais, apuntouse a criticar o capitalismo e a globalización, pero non cuestiona as verdadeiras causas da crise e das desigualdades sociais”. Velaí o quid da cuestión.

cesar.reis.alveiros@gmail.com

12 de nov. de 2008

1 comentários :

Danos a túa opinión