Co procedemento que o xuíz da audiencia nacional Baltasar Garzón iniciou, primeiro, para crear un censo de persoas desaparecidas e represaliadas durante a guerra civil española e o franquismo e, despois, para xulgar aqueles sucesos como crimes contra a Humanidade, fixo emerxer de novo un tema crucial da nosa memoria colectiva, o da tumba de Federico García Lorca. A reconstrución dos acontecementos da noite do 18 ao 19 de Agosto de 1936 segue obsesionando a historiadores, escritores, cineastas e á sociedade española en xeral. Polo momento o crebacabezas resólvese cun relato que leva ao poeta desde a casa dos Rosales na que se achaba refuxiado até a paraxe de Víznar, xunto á fonte de Aynadamar, onde, en compañía dun mestre coxo, Dióscoro, e dous banderilleiros da CNT, Francisco Galadí Melgar e Joaquín Arcollas Cabezas, chegoulle a morte, polo que contan á orde do mismísimo Queipo de Llano ao teléfono, coa expresión moi castiza de: «Dalle café, moito café». Se a iso unímoslle as que, polo visto, foron palabras dun tal Trescastro ao chegar a unha taberna despois do asasinato: «Dinlle dous tiros no cu a Lorca por maricón», á traxedia incorpóraselle unha sensación de putrefacción moral que a fai irrespirable. Un dos aspectos máis inquietantes do asunto é a convencida oposición da familia Lorca a que se desenterren os restos do poeta. En gran medida a opinión pública vén sentíndose desconcertada por esta negativa para que se produza a exhumación que si piden os descendentes do mestre e dos banderilleiros. Ian Gibson, seguramente a maior autoridade sobre os aspectos biográficos do final de Federico, preguntado pola postura dos descendentes contestou: «Lorca pertence á humanidade, non á súa familia. É un emblema, deu a súa vida por España, é un mártir». Con todo moitos outros pensan de forma distinta. Escribiu Javier Marías recentemente: «Quen nos asegura que o que quede de quen foi García Lorca non prefire seguir xunto aos restos do mestre e os banderilleros que o acompañaron no último tramo, e quizá lle infundiron enteireza e ánimo?» Francisco Ayala, desde a atalaia dos seus 102 anos, afirmaba por mor da polémica: «Son partidario de non tocarlle. Non hai que trapichear cos cadáveres. Créoo moi sinaladamente no caso de Lorca. Non hai que facer nada.» Falouse da posibilidade de que a especulación inmobiliaria, unha vez arrincados do barranco os refugallos do dramaturgo granadino, borrase da face da terra o escenario do crime que nin siquera o franquismo se atreveu a destruír. Tamén se expresaron os temores cara á curiosidade malsana dos medios de comunicación e o consecuente espectáculo en que se convertería o levantamento dos esqueletos. «Cremos -dixeron os parentes- que este é un xeito de preservar o barranco de Víznar como lugar da memoria colectiva, pública e civil. Continuamos opóndonos a que a exhumación se converta nun espectáculo mediático. E por último consideramos infame a insinuación de que a defensa de preservar intacto un lugar de memoria sexa equiparable a unha oposición ao estudo rigoroso da guerra civil e a represión franquista». Estes días declarou, tamén a familia, que Franco, illado internacionalmente naquel entón, ofreceulles dar boa sepultura ao poeta, pero, considerando que así se borraría a memoria de tantos anónimos masacrados, negáronse. Dicía Azaña: «O primeiro que se fai cos homes ilustres é desenterralos. En España a teima da exhumación sopra por refachos». Sen dúbida algún compoñente distinto existe no caso do gran poeta. Algo fai que un certo sentimento de profanación rodee o tema da recuperación dos seus restos. Preséntasenos como un caso bastante diferente ao dos demais desaparecidos nos que observamos aos descendentes conmoverse ante a aparición da montura duns lentes, do anel de alianza ou do buraco dunha bala no cranio do avó. No caso de Lorca o lugar en que se supón que está enterrado cobrou todos os atributos dun lugar simbólico. As oliveiras retortas, a fonte das bágoas, a obrigada e íntima compañía do mestre e os banderilleros unidos polo derradeiro transo. É coma se o lugar formase parte del, coma se esa paisaxe lorquiana do seu fin fose parte de Lorca. Ningún sentir social parece pedir unha reparación moral maior que esa, porque o lugar serve de cemiterio e de monumento sen ser nin un cemiterio nin un monumento axuntando as dúas memorias, a do poeta e a da traxedia individual e colectiva.
Traducción e fotografía: Mario Paz González
0 comentários :
Danos a túa opinión