Preto de seis mil alumnos avalan a traxectoria do proxecto Audiovisual nas Aulas


Redacción

Nado no curso 2003-2004, o proxecto experimental Audiovisual nas Aulas, pioneiro no Estado español, encádrase no plan de formación do Consorcio Audiovisual de Galicia, e vai actualmente pola súa sexta edición. Promovido polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Secretaría Xeral de Comunicación en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como obxectivo prioritario, facilitar aos escolares unha alfabetización audiovisual básica, e ao tempo concienciar ás autoridades educativas en particular, e á sociedade en xeral, da necesidade de incluír o audiovisual no currículo escolar.

Como principal novidade para o curso 2008-2009, destaca a incorporación da quinta fase de Audiovisual nas Aulas, denominada Dobraxe e Lingua, que se suma ás de Iniciación ao Audiovisual, Iniciación á Animación, Iniciación á Televisión e Iniciación ás Novas Tecnoloxías. Con esta nova etapa preténdese achegar aos escolares, dun xeito lúdico e divertido, o mundo da dobraxe, aproveitando e vendo a dobraxe como un elemento atractivo de divulgación da nosa lingua.

Nesta edición, como na anterior, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, debido á grande cantidade de solicitudes de centros que queren participar, decidiron elaborar unha convocatoria pública mediante a súa difusión no boletín informativo da Consellería de Educación, co fin de establecer uns criterios obxectivos, para a selección dos centros.

No programa Audiovisual nas Aulas xa participaron un total de 301 centros, realizando as diferentes actividades preto de seis mil alumnos. Con esta edición o que se pretende é manter os niveis de calidade acadados até o momento, ao tempo que se continúa consolidando o programa, como unha necesidade educativa na sociedade da información, do audiovisual e as novas tecnoloxías, formando a cidadáns críticos que se poidan defender e expresar aproveitando estes recursos.

Dende o Consorcio Audiovisual de Galicia, seguirase apostando polo programa, poñendo todos os medios e recursos dispoñibles, baseándose na necesidade deste proxecto para esta sociedade, despois de recibir peticións de varios CEFORES da nosa comunidade solicitando o material didáctico do programa para utilizalos nos cursos de formación do profesorado, ou que centros doutras comunidades solicitasen participar... Asemade, centros de atención a persoas con discapacidade, centros sociais e unidades de atención aos drogodependentes están interesados en participar, empregando deste xeito a educación audiovisual como unha ferramenta de integración.

Ademais, na actualidade estase a preparar un convenio de colaboración coa Consellería de Sanidade, mediante o que se incluirá a doazón de órganos como materia transversal nos obradoiros de curtametraxes de animación que se realizan na 2ª fase do programa.

2 de dec. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión