Grazas a Deus, eu son ateo. É certo. Non vexan ningún contrasentido nesta afirmación. Grazas a Deus e ao meu mestre de cuarto grao, un alentexano seco, alto e malfeito, cuxo nome non quero lembrar, por se aínda vive e porque aínda me produce arrepíos. Baixo a terríbel presenza dun enorme retrato de Salazar, o ídolo daquel bruto pedagogo, dun crucifixo e máis dunha estampa decolorida da Nossa Senhora de Fátima, un servidor levou pancadas suficientes como para encher unha vida. Porque había tres cousas sagradas na existencia para o meu mestre: a relixión católica, apostólica e romana, António de Oliveira Salazar, e máis a ximnasia, unha reminiscencia, supoño, das súas andanzas xuvenís na Legiao Portuguesa, o noso fascismo particular.
Así pois, aquilo era unha rara conxugación de benaventuranzas e instrución premilitar, e en ambolosdous ámbitos eu, que era un estudante medianamente bo, pero torpe e curioso, fracasaba completamente. Así, por riba da miña incapacidade para pasar por riba, por baixo ou ao traveso dos instrumentos de tortura ximnásticos, os contínuos "por que" que saían dos meus beizos cando non entendía os misterios de Deus –que era case sempre- conducían invariábelmente a unha sesión de tormentos de man, nunca mellor dito, daquel bruto que as tiña grandes como pás de remos.
Un, que parece levar o virus do pensamento racional no sangue cuestionábase, ben que dunha perspectiva infantil e acaso simple, por que aquel deus tan todopoderoso precisaba do meu sacrificio diario. Máis adiante, elaborando un pouco a argumentación, pregunteime que sentido tiña a existencia dun deus tan despreocupado polo home, a súa creación, que só se molestou en mandar por aquí ao seu fillo, a fin de contas un recadeiro, para facerlle a puñeta aos xudeus, o seu "pobo elixido".
Todo isto ven a conto pola conversa que tiven o pracer de manter co Paulo o pasado sábado nunha Braga aterecida de frío diante de dous expresos nunha mesa d´A Brasileira. Pedíame o meu caro amigo algunha cousa para o seu xornal dixital, e eu reclamáballe a el novas acerca da polémica campaña das mensaxes ateas nos autobuses de Madrid e Barcelona. El tamén é ateo, como lle declarou unha vez á miña impresionada nai, que até entón o tiña en moita estima, e que dende aquela trata de salvar a súa alma ao prezo que custe incluíndoo nas súas oracións diarias. Porque Aquén-Miño, neste país de rezos e beatas, e máis aínda na catolicísima sé bracarense, a profesión pública de descrenza é aínda un tabú. Non imos ver en moito tempo os autobuses portugueses espallando mensaxes ateas, e os de Braga nin que baixe Xesús Cristo en persoa a negar ao seu pai. E, entretanto, calquera manifestación pública de fe pode invadir as rúas ao antollo da xerarquía eclesiástica –o mesmo que na España, non crean que niso levan avantaxe algunha-. Por que, entón, a clerecía se molesta tanto? Por que se considera normal a presenza dun crucifixo, un símbolo partidario por canto pertence só a unha parte dos cidadáns, aínda que sexan maioría, e incluso en certa medida obsceno, porque a fin de contas é a representación dun cadáver, aínda nos edificios públicos, e aos ateos se nos nega o dereito a expresar a nosa des-crenza? Cumpriría unha certa ecuanimidade, non é?
O Rocha, un compañeiro de traballo, dime a miúdo: "e se ao final Deus sí existe?" Confeso que me gustaría moito. Poderíalle reclamar algunhas contas que ten pendentes coa humanidade antes que me mandara ao Inferno –ao final, como foi, existe ou non?- ese lugar ao quente. Seguro que compartía condea eterna con moitos xerarcas eclesiásticos, e aínda con varios papas que foron, seguro, tan ateos como o que máis.
Estoume a desafogar, xa ven, aproveitando a fiestra aberta que me brinda este xornal, e de paso cumpro unha promesa: a de escribir algunha que outra vez para A Voz de Vilalba. Que ninguén se ofenda.
P.S.: Dime Paulo que de aquí en adiante van traducir os meus textos ao galego patrón. Non estou moi de acordo, porque entendo que calquera galego culto pode ler portugués sen problema e opino que a tradución nunca responde ao cento por cento do sentido orixinal. Que opinan vostedes, amables lectores?
Tradución: P.N.
Foto: busateo.org
Foto: busateo.org
Fai visible o teu ateísmo: Pica na imaxe para vela a tamaño completo,
descárgaa no teu computador e imprime tantos adhesivos como precises.
Se non estás de acordo coa campaña pica aquí
O bus ateo parará a partir de febreiro en Vigo e n'A Coruña. En Xornal.com
Said
Xenial o enlace para os que non están dacordo coa campaña!!! Estou que me parto de risa. Un artigo moi bo, si señor. Aquí parece que ser ateo é un delito, pero a culpa témola moitos e moitas que, aínda que non creamos, facemos os ritos sociais "pola iglesia". Temos que deixar de ser hipócritas.
Por outro lado, a min gustaríame leer os artigos deste señor en portugues, que é o que pregunta, ¿non?
Alicia
Said
Un sservidor subscribe a escrita de RUI, case que temos a mesma historia, agás o da Lexión, que no meu caso foi a Falanxe.Sí algo fixo o clero (oficial), foi axudar ao poder establecido deixando indefenso aos máis humildes, ademáis de mallar en nós dun xeito indecentemente católico.
Concordo tamén con RUI en que non se debera facer a traducción, pois podemos leer tranquilamente o Portugués e ademáis instruirse sobre un Idioma que ao fin e ao cabo é o noso, ademáis de ser asimesmo o noso futuro.