Boicot ao xogo democrático


Martín Seco García

Este Venres, 9 de Xaneiro poidemos asistir ó boicot absoluto do Partido Popular á convocatoria de Pleno Extraordinario que o Grupo Municipal Socialista solicitara co motivo de debater e intentar consensuar as iniciativas que se poderían levar a cabo co Fondo Estatal Extraordinario creado polo goberno de Zapatero para minorar os efectos da crise no emprego e conseguir que moitos daqueles que se atopen no paro ou que se puideran atopar en breve nesta situación, poidan solucionala momentáneamente coa inxección de moitos millóns de euros en obras a realizar polos concellos deste país.

Dende o Grupo de Goberno do PP, aínda que os medios de comunicación escritos non se fixeran eco da gravidade do sucedido nesta sesión extraordinaria, escondéronse tras acusacións de fariseismo cara o noso grupo para non presentar nin unha soa proposta ao debate político entre os lexítimos representantes do pobo vilalbés, intentando con esta manobra desvirtuar a nosa convocatoria e sen importarlles o mínimo respecto esixible aos veciños do noso Concello e o gasto que este pleno provoca nas arcas municipais, que tanto parecía importarlle en datas anteriores ao señor Criado. O que semella inaceptable dende o punto de vista dunha saúde democrática normal e que con anterioridade, o alcalde comentara na prensa e na radio un pequeno esbozo das obras que os populares pretendían realizar con este fondo extraordinario e nin tan sequera se mostrase interesado en facelo cos partidos da oposición que representamos a tantos centos de veciños do noso concello, tendo en conta ademais que sempre podería utilizar a súa maioría absoluta para impoñer os proxectos que quixeran defender sobre os dos outros grupos.

Porqué os señores do PP non intentan convencernos ao resto dos grupos das bondades das obras que pretenden realizar?, Qué ten que ocultar o señor Criado para non amosar as súas propostas no lugar e no momento axeitado para facelo?, Porqué ten tanto medo a gobernar o PP e tanto medo a deixar participar nas decisións aos membros da oposición?.

Ao comezo da lexislatura, o alcalde Criado e os seus compañeiros do Partido Popular sorprendéronos coa creación dunha nova área de participación cidadá, e no noso grupo pensamos que intentarían levar a cabo novas fórmulas de participación que involucraran aos nosos veciños na vida política e social do noso Concello, pero simplemente utilizaron este bonito nome para darlle vistosidade á delegación e supoño que arrastrados por un programa electoral do Partido Socialista con moitas medidas baseadas en dotar a Vilalba dos mecanismos de participación cidadá que o noso pobo se merecía, pero se non son capaces de respectar a participación política do resto dos representantes dos cidadáns do seu concello, menos poderían facelo cos cidadáns de a pé ou cos membros dalgunha asociación do noso pobo. E todo isto sucede mentras en Guitiriz, a mágnífica alcaldesa Regina Polín pon en funcionamento unha comisión de participación cidadá para debater sobre a utilización do fondo, co resto dos representantes políticos do seu Concello e como non podería ser doutro xeito cos representantes sociais da cidadanía deste concello veciño do noso e do que tanto deberían de aprender os nosos dirixentes.

Estes días puidemos observar o que eu considero unha boa organización das festas do Nadal por parte dos responsables do Concello, cunha boa iluminación das rúas, excluindo a barbaridade do trato que está a recibir a nosa “Pravia”, e unha boa organización da cabalgada de reis, e así llo fixemos chegar algúns membros da oposición aos dirixentes populares, pero isto non é suficiente, agora só falla que tamén se faga unha xestión política mínimamente aceptable para o noso Concello, pero iso é moito máis complicado e sen ideas e proxecto político é case que imposible conseguilo. De todas formas sería moito máis sinxelo aproveitando as ideas e as críticas daqueles que formamos parte do noso concello aínda que non pensemos igual que os que gobernan, e dende aquí animámolos unha vez máis a facelo, xa que non nos cansaremos de ofrecerlles a nosa colaboración que ata o de agora tratan de evadir sen máis moitivo que alonxar a unha parte da cidadanía das decisións democráticas da nosa vila.



17 de xan. de 2009

10 comentários :

  • Eu opino que en Vilalba deberían chamalo Fondo Estatal Extraordinario Para Salvar a Economía de Cholo, Sanjurjo e Moncho e Santomé.

    17 de xaneiro de 2009, 17:05

  • Neste Concelo como nos outros que goberna o PP, o único que funciona ben é o amiguismo cacique e que ó parecer vai costar eliminar, pois tan cacique é o que dá como o que recibe.Por non facer, nin siquera fan unha convocatoria pública para mercar útiles que a cotío se gastan no Concello como, arranxar coches, papel en folios ou de outro tipo, todo o relacionado coas novas tecnoloxías etc, e así moitas máis cousas.As convocatorias do PP son así, ó meu amigo fulano mercolle esto, a citrano estoutro, e así nos vai.
    Claro que eles diran que son maioría, e así é,pero non impide que haxa transpariencia nos feitos, ademáis os seus votantes son, pouco por non decir nada, críticos.
    O Alcalde debería demostrar que é demócrático e non só dicilo, pero témome que non van cambiar as formas, cando menos até que perdan as eleccións, cousa que parece verse moi lonxe.

    19 de xaneiro de 2009, 11:05

  • Por certo Martín, porque o PSdG non leva nesta ocasión nas súas listas a Dolores Villarino?. Acaso non hai medo a que se lle descobra o seu pasado político-económico e tire abaixo o chiringuito. Nunha conversa privada Aymerich díxolles: Moito roubades. Ela, sen cortarse un pelo respotou: "Vos podedes facelo mesmo". Non hai pega sen mancha negra.

    20 de xaneiro de 2009, 13:37

  • Que comentario tan ofensivo e dando por certo esas acusacións de Aimerich que dende logo non creo que sean certas agás o interés de algún por enmerdar os socialistas en pre-campaña electoral.Buscas sacar beneficio electoral deste comentario???

    Fdo: Un anónimo que as vé vir.

    21 de xaneiro de 2009, 10:49

  • Que bonito o comportamento do BNG coas oposicións a dedo preparadas antes das eleccións para colocar ós seus no consorcio de Benestar, ¿que eran a contestación de Aimerich a Dolores Villarinio?, que vergonza que os sabios e puros de corazon e espírito se manchen deste xeito cando todos pensábamos que eran seres perfectos.

    27 de xaneiro de 2009, 12:29

  • Quen recoñece o roubo no comentario é Dolores Villarino "é máis",a contestación implica que o BNG non rouba.
    En canto ás oposicións de Benestar, nin PP nin PsoE demostraron nada que fora contrario a dereito.Eso é o que se chama "un falabarato".
    Dende logo se non fose polos Conselleiros do BNG esta lexislatura sería de pena, e así o admiten diferentes enquisas, que valoran máis a ditos Conselleiros a respecto dos do PsoE.

    29 de xaneiro de 2009, 11:25

  • Daslle valor a un comentario sacado de non sei onde, dunhas supostas declaracións de Dolores Villarino a Aimerich e despois tildas as oposicións feitas a medida polo BNG de falabarato, non se te notan os colores nin nada. JEJEJE

    29 de xaneiro de 2009, 17:42

  • Non só é que non sexan verdadeiras as declaracións de Aymerich, senón que é algo que sabe todo o mundo. Dolores Villarino está encabronada con case todo o mundo porque xa se lle coñece o seu pasado. ¿Que ocorre?. Ninguén se atreve a denunciar polo sinxelo motivo de que "os próximos podemos ser nos". Villarino xa é pasado na política galega, por fortuna. A súa actitude política foi das máis nefastas da política galega. É certo que hai moi pouca xente presentable, pero pásalle igual que a algún sector social: "Mira con quen imos dar...."

    29 de xaneiro de 2009, 19:54

  • Pois mira JEJEJE, os comentarios saqueinos de outro anónimo, e claro que se me ven os colores ou que crees, o que non sei son os teus, pero.............imaxinoos, que é do que se trata, comentar sobre opinións neste blog ou en calquer outro.
    Sí eu voto BNG, ou é que vou ir a votar a un PsoE que non se entenden nin entre eles,(sacado dos comentarios), ou a un PP que nos está destragando e apretando a gorxa coa lentitude de quen quere apagar a máis mínima disidencia.
    Escribir sí, pero con sentidiño JEJEJE.
    Ademáis para ben ou para mal, o BNG é o único grupo político que toma decisións dende Galicia, cousa que non é nos outros casos.
    Deciame un home do PP, (todos os partidos son iguais), entón eu lle dixen, pois si así é vota nestas BNG.Naturalmente a contestación foi: NON a eses NON, ao cal eu contestei: entón non son todos os partidos iguais.O home calou.

    30 de xaneiro de 2009, 12:22

  • Debes de ser o responsable de campaña do BNG porque parece o discurso a proclamar esta campaña electoral, nos somos diferentes, eso sí amañamos as oposicións e dámoslles festas ós vellos como facía Fraga. Pero eso sí, somos diferentes agora os que facemos trampas somos nós, JEJEJE

    31 de xaneiro de 2009, 16:14

Danos a túa opinión