Rubaiyyat

Mario Paz González

Releo as Rubaiyyat (cuartetas) de Omar Khayyam. Nelas o poeta persa, coñecedor dos arcanos da ciencia, a matemática e a astronomía, interrógase polo destino do home convencido de que o vasto mundo non é máis que un gran de po no espazo condenado, talvez, á desaparición. Coma se fóra unha proba desa avocación ao insondable baleiro, a súa figura vívida desdebúxase no tempo ata adquirir contornos lenemente imprecisos. Aproximarse a ela é tarefa vacua por moitas razóns. Á fin e ao cabo a súa sorte non é allea á de moitos dos seus contemporáneos. Tampouco a do home actual, malia a súa persistente obsesión de permanencia e inmortalidade. No afastado confín dos tempos moitas outras figuras similares en magnitude ofrécense do mesmo xeito desdebuxadas: Homero, Martín Códax, Shakespeare, Cervantes… Coma ocorre con todos eles, é pouco o que hoxe coñecemos con certeza do insigne vate persa. Apenas unha sucesión de tópicos de incerta ledicia. Velaquí algúns.

Nacido en Nishapur no ano 1040 da nosa era, tivo coma devanceiros unha familia de artesáns. O pai, cuxo humilde oficio consistía na confeción de tendas de lona, levou a fortuna do seu lado. Tamén o fillo. A súa intelixencia e a amizade desde curta idade con Nizan-Ol-Molk, o que habería de ser futuro visir do sultán Alp Arslan, íanlle garantir proteción para consagrarse ao estudo das leis, a metafísica, a ética, as ciencias naturais, pero sobre todo, as matemáticas e a astronomía. Tamén á poesía.

Dos seus miles de cuartetas, cunha produción tan vasta como a de Lope ou Li Po (desculpen a paronomasia), apenas chegaron ata nós uns centenares. Non todas apócrifas. En Occidente adóitase destacar o seu carácter hedonista, epicúreo, aínda que escéptico con respecto a unha afastada e trascendente idea de futuro sustentada nas vellas certezas debedoras da divinidade. O seu amplo coñecemento das materias de estudo que, como a poesía, tratan de explicar o mundo, desde a filosofía á ciencia máis pura, só conseguían espertar nel un escepticismo que o obrigaba a manifestar sen medo a súa ignorancia socrática. Tamén a loubar con distancia os confíns do universo e os labirintos do espírito, desprezando con iso o efémero e inepto da súa propia obra.

No eido científico as súas infinitas destrezas deixáronnos unha produción non menos titánica, feraz e sorprendente. Dise que compilou as táboas astronómicas e corrixiu o antigo calendario zaratustrano. Vencellado á corte, foi historiador, xuíz e profesor de historia, medicina, filosofía… Tamén de astronomía e matemáticas, onde se adiantaría ao seu tempo, como amosan os seus traballos, non máis neglixentes nestas dúas disciplinas que nas outras. Como curiosidade hai quen, entre outras precisións, atribúelle a paternidade da incógnita “x”.

Ciencia e arte. Ata na distancia, reunir nunha soa figura facetas que puidesen parecer tan antagónicas non semella tarefa doada. Calquera dictame pode resultar vago e impreciso ao mesmo tempo, pois a única certidume de Khayyam reside nos seus admirables textos literarios e científicos. As dúas facetas, sen embargo, devólvennos un único home posible, nada ilusorio, talvez hiperbólico, talvez irrepetible, vítima, malia a moderada serenidade das súas cuartetas, dun exceso de vida no que aúnanse as interxeccións do espírito e o corpo coas virtudes da mente, co pracer do pensamento.

Leo na prensa que, moi preto da Persia natal do poeta, na franxa de Gaza, só a metade dos nenos supervivintes pode voltar ás súas clases trala terrible rutina imposta por un mes de bombardeo implacable por parte do exército israelí. A outra metade terá que agardar a reconstrución das súas escolas. A síntese de ambas lecturas resulta mistificadora. Ignoro se hai elucidación posible, pero é inevitable non deixar de interrogarse sobre cal debería ser máis verosimil: a imaxe, bosquexada no tempo, do sabio multidisciplinar consagrado ao estudo ou a, non menos falaz, atrocidade desta barbarie, ensanguentada e inhabitable da guerra. Hoxe, día da Paz Mundial, é preferible pensar que talvez, nun mañá non efémero, poida cambiar o destino do home, talvez algún día esta que hoxe conmemoramos acabe impoñéndose á brutalidade neste pequeno gran de area que habitamos.

30 de xan. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión