As torres do Arneiro


Moncho Paz

Tras a Guerra Civil, Franco fixo varias concesións a Hitler en agradecemento ao apoio dos nazis no levantamento militar contra a República. Unha delas foi a posibilidade de instalar sistemas de radionavegación que facilitasen o seguimento de avións e submarinos. No concello lugués de Cospeito estableceuse unha base con tres torres; unha delas veuse abaixo en 2006 e as outras -en precario estado de conservación- foron vítimas do recente temporal.

Coñecidas popularmente como as torres do Arneiro, tiñan máis de cen metros de altura e eran os últimos vestixios dun primitivo sistema de radiolocalización europeo -predecesor do GPS- do que se beneficiaron tamén os británicos para as súas operacións bélicas.

A comezos de 2008 a Xunta manifestaba a súa vontade de recuperalas, dado o seu potencial como centro de radiocomunicacións, laboratorio de probas de certificación radioeléctrica ou centro de interpretación da evolución histórica das comunicacións por radio. Varios grupos de radioafeccionados reclamaban unha solución dende hai anos. Por desgraza, ésta non chegou a tempo.

_________________________________________
Artigo publicado en Xornal de Galicia e www.xornal.com

30 de xan. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión