Científicos galegos do CERN fan público un manifesto en defensa do galego


Redacción

Nove destacados investigadores galegos vencellados ao Centro Europeu de Investigación Nuclear (CERN) saíron ao paso de certos prexuízos que sectores contrarios á lingua galega veñen divulgando nos últimos meses, mediante un manifesto que remitiron aos medios de comunicación, e que asinan Xabier Cid Vidal e Diego Martínez Santos, licenciados en Física, o enxeñeiro de telecomunicacións Daniel Esperante Pereira, e os doutores en física de partículas Patricia Conde Muíño, Teresa Fonseca Martín, Abraham Gallas Torreira, Manuel Gallas Torreira, Marcos Mariño Beiras e Cibrán Santamarina Ríos.

Este é o texto íntegro do manifesto:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa. No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009.

28 de maio de 2009

1 comentários :

  • E de agradecer o apoio á lingüa feito por investigadores Galegos e que ademáis están desafortunadamente para nós,traballando no Centro Europeo de Investigación Nuclear.Non só demostran que có Galego se pode Investigar ó máximo nivel, senon que temos cerebros que se teñen que ir fora, por non ter Galiza un desenrolo equivalente aos tempos actuais.
    Os meus Parabéns para os GALEGOS-Científicos.

    FENDETESTAS

    28 de maio de 2009, 18:37

Danos a túa opinión