Reitero un argumento

Antón Baamonde

A exitosa manifestación que a MNLG convocou na defensa do galego tivo un pero: non fixo ningún esforzo en sumar, en facer unha convocatoria aberta e plural que poidera sumar forzas contra o que é, aparentemente, o ataque aberto máis forte que sofre o idioma galego nos últimos trinta anos. Pesou aí un desexo de protagonismo e patrimonialización que, se é máis ou menos comprensible en épocas normais, non o é baixo circunstancias adversas e extraordinarias.

Cando acabe o verán e retorne o curso político, cando a sociedade volva aos seus ritmos ordinarios, non cabe dúbida de que o PP seguirá machacando e de que se repetirán as manifestacións. ¿Existirá entón xenerosidade, amplitude de miras?. Temo que non.

Algúns defensores máis ou menos fantásticos do galego comparten dous prexuízos: a) que a sorte do galego se decide por decreto. É un prexuízo clásico da esquerda de raíz staliniana, que imaxina que o mundo é moldeable a vontade dende o poder político. A sociedade civil parécelles unha coña, e todo se xoga no ámbito do poder. Das correntes profundas dun país nen de gañar a batalla das mentes non queren nin escoitar o rumor lonxano.

O segundo é o prexuízo do monolingüísmo: por máis que saiban que nas cidades e entre a xuventude o castelán é xa maioritario do asunto tampouco queren saber nada. O seu é alienarse, infatuarse habitando un mundo paralelo e soñar, dun modo puramente estético, con que algún día Galicia será independente e o galego idioma maioritario. Pensan no caso finés, no hebreo e cousas así. Se alguén lles dí que iso é pensamento máxico prefiren mirar para outra parte…

Tamén hai, dende logo, a estas alturas moita xente que sabe que a estratexia que se deriva desas posicións está conducida ao fracaso, pero prefiren calar para non molestar a aqueles cos que conviven nos mesmos espazos profesionais, políticos ou públicos, ou, no caso dos literatos, para no ferir a un público susceptible que sempre premia que lle digan o que quere ouvir. Unha certa covardía ou busca da aclamación do pequeno grupo, a sabendas de que iso leva á derrota no asunto de fondo.

Pero insisto: como as batallas se dan para gañalas sería natural que os dous partidos, os tres sindicatos maioritarios, outras entidades cívicas e sociais pero, sobre todo, persoas de un amplo abano, dunha pluralidade máis aló da controversia, concordasen cun texto de apoio ás medidas de discriminación positiva para o galego, recoñecendo que Galicia é unha sociedade bilingüe -non hai que deixarlle esa bandeira a GB- pero que o galego necesita protección e empoderamento.

Esa idea foi lanzada dende este mesmo blogue: paréceme obvia e evidente. Algunhas persoas, a título puramente individual, intentamos coordenalo. Non parece que a cousa vaia a dar resultado, aínda cando é obvio que o que se xoga é equivalente a un segundo aldraxe. Cando volva o outono esa convocatoria non terá lugar -oxalá me engane-. Pero tamén eu Dixit et salvavit anima meam. Agora que lle pregunten a Paco.

2 de xul. de 2009

1 comentários :

  • Concordo con moito do que dís, aínda que non sei se a receita que apuntas poida dar un bo guiso.
    Do que si estou certo, é dicir creo, é que debemos de facer, que reinvindicar está ben, que solicitar leises e protección tamén, mais pra min o importante e facer, exercer o dereito natural a lingua e a aprendela, por enrriba de calquera autorización.
    Alguén se me antoxa que está a agardar o permiso. ¡¡unha mágoa!!

    8 de xullo de 2009, 08:21

Danos a túa opinión