Antonte e pasado maña, ou o que é pintura hoxe

Redacción

A mostra "Antonte e pasado mañá, ou o que é pintura hoxe" que se pode ver na galería MACUF (A Coruña) até setembro de 2009 propón analizar e redefinir a perspectiva da pintura no presente coa inclusión de pezas xa seleccionadas na anterior mostra (Sky Shout, 2005), ampliada agora para se converter nun heteroxéneo retrato do feito pictórico no presente. Así, nas salas do Macuf identificamos os rumbos que se establecen hoxe que debuxan constantes ampliadas e contrastadas con outras achegas, desde unha ollada que constrúe unha paisaxe de revisión coa presenza de linguaxes traballadas desde os anos oitenta, mentres porfía en marcar nexos e experiencias cara ao futuro.

Trátase dunha mostra colectiva que asenta as linguaxes pictóricas que evolucionaron nestas últimas décadas, ao tempo que marca os puntos de conflito, de expansión, examinando os lados do pictórico que se depositan nos límites, desde a pel fotográfica até as vontades escultóricas e espaciais, ás veces inesperadas. De aí a decisión de incluír expoñentes creativos onde o debate ou pregunta sobre a pintura non está nas súas principais mensaxes, achegando a esta mostra unha inusitada e aberta fiestra de posibilidades.

Podería decirse que estamos, en realidade, ante un proxecto de estudo que David Barro, comisario da Mostra, leva configurando nestes últimos anos, diseccionando e explicando a pintura, sen etiquetar nin concluír, como podemos comprobar no extenso libro realizado con motivo deste evento. Partimos dunha reflexión que se inicia na pintura como tradición, discutindo desde o marco, a superficie, para chegar a conceptos híbridos de pintura contaminada, que require de novos lugares onde detectar as súas loitas e incidencias.

Queda perfectamente claro en Peter Zimmerman, Juan Uslé ou Fiona Rae nas versións de trama, de abstracción, de técnicas; outra liña máis suxestiva vertébrase nos traballos de Nano4814, Olafur Eliasson, Jessica Stockholder ou Nuria Fuster desde recursos críticos, de intentos e controversias espaciais, mentres, unha terceira opción discute desde o fotográfico e o vídeo, desde as narrativas de Vilariño ou Jorg Sasse até Anri Sala e Cao Guimarães nas olladas temporais.

2 de xul. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión