Pedro Burgo gañou o XXXI Rallye San Froilán

Redacción

O piloto lucense Pedro Burgo fíxose co XXXI Rallye San Froilán logo de rematar a proba na segunda posición, por detrás de Xevi Pons, do Nupel Team. Non obstante, os xuíces penalizaron ao piloto catalán con 10 segundos por unha chegar con retraso a unha verificación, o que o relegou á segunda praza, deixando o título na man do lucense. O terceiro clasificado foi outro piloto lucense, de Meira, Sergio Vallejo, que logrou acadar o podio pese a competir cun vehículo, o Mitsubishi Lancer Evo X, totalmente novo para el, que el mesmo definiu como “un experimento”. Pedro Burgo amosouse moi satisfeito polo triunfo acadado nun rallye moi disputado pero no que xogou cunha vantaxe nos primeiros tramos que logo administrou. É este unha vitoria que lle permite ao lucense manter as aspiracións de cara a revalidar o título no Campionato Galego de Rallyes de Asfalto, nunha dura pugna co pontevedrés Alberto Meira, que finalizou este rallye na 5ª posición.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, entregou o premio ao vencedor, o lucense Pedro Burgo, e congratulouse de que unha vez máis o fose un piloto da casa quen se alzase co triunfo desta edición do Rallye San Froilán. Así mesmo, o vicepresidente Antón Bao tamén quixo destacar o alto nivel de toda a competición e felicitou á organización da mesma, a Escudaría Miño, polo rotundo éxito que constituíu o XXXI Rallye San Froilán. Nas súas palabras, Antón Bao fixo mención tamén ao bo traballo desenvolvido polos dous pilotos que correron cos coches do programa Volante Xoven, Adrián Díaz e José Carlos Guarc, que finalizaron a proba en sétima e oitava posición respectivamente. O vicepresidente da Deputación entregou tamén o trofeo a Adrián Díaz como mellor piloto dos participantes no Volante Xoven, o que o confirma como un piloto de gran proxección e que desenvolveu un traballo importante aproveitando a oportunidade que lle brindou o programa Volante Xoven para poñerse nas mans dun equipo profesional e correr cun Mitsubishi Lancer Evo IX. Adrián Díaz agradeceu “a patrocinadores, entre elas a Área de Deportes da Deputación, a oportunidade que me ofreceu este Volante Xoven de competir cun Mistubishi Evo IX e todo o respaldo do equipo Nupel Team, que me fixo sentir un máis do equipo”.

A XXXI edición do Rallye San Froilán foi, tal como se auguraba, un completo éxito tanto pola participación de pilotos acadada, con 125 inscritos, como pola masiva presenza de afeccionados que encheron as curvas dos tramos que percorreron os concellos de Begonte, O Corgo, Guntín, Outeiro de Rei e Lugo. Sergio Vallejo, piloto meirego que finalizou en 3ª posición, dixo que “a afección, como vén sendo habitual, tivo unha resposta excelente, enchendo os tramos de xeito masivo, e fixo gala dun comportamento ideal situándose en lugares seguros”.

7 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión