XXXI edición do Rallye San Froilán (2009)

Redacción

Nesta XXXI edición do Rallye San Froilán a cifra de inscritos sitúase nos 124 pilotos, unha cifra “envexable” para moitas outras competicións da xeografía galega e estatal, segundo palabras do presidente da escudaría Miño, organizadora da proba, Carlos Íñiguez. Este ano, o rallye conta ademais co aliciente de ser unha proba fundamental onde se definirá se o lucense Pedro Burgo será capaz de revalidar o título de campión galego de rallyes de asfalto no Grupo A, toda vez que o Grupo N xa está decidido a favor do pontevedrés Alberto Meira.

Esta mañá, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou na sala de exposicións do Pazo de San Marcos a XXXI edición do Rallye San Froilán, proba puntuable para o Campionato Galego de Rallys, que se disputará o vindeiro sábado 5 de setembro. No acto de presentación, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, e o delegado de Deportes da mesma, Antonio Veiga, estiveron acompañados polo presidente da escudaría Miño, organizadora da proba, Carlos Íñiguez, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, o secretario xeral da subdelegación do Goberno en Lugo, Constantino Rodríguez Ramos, o xefe provincial da Secretaría para o Deporte da Xunta de Galiza, José Manuel Rozas Bello, o concelleiro de Deportes de Lugo, Xosé Manuel Díaz Grandío, e os alcaldes dos concellos polos que transcorre o rally: Guntín, Outeiro de Rei, O Corgo e Begonte.

Na súa intervención, Antón Bao salientou que “o Rallye San Froilán é unha proba histórica que este ano acada a súa XXXI edición, un rallye por onde teñen pasado os mellores pilotos da esfera nacional e estatal. É un rally netamente lugués e que transcorre ao longo de varios concellos de comarcas lucenses como a de Lugo ou A Terra Chá”. O vicepresidente da Deputación valorou a competición que, segundo dixo “malia ser unha proba putuable para o Campionato Galego de Rallyes, o Rallye San Froilán é, polo nivel e a calidade dos equipos e pilotos participantes, unha carreira dun nivel moi semellante ao de calquera proba do Campionato de España”. Antón Bao cualificou o San Froilán como un rally “netamente lucense, no que a presenza lucense está garantida da man de pilotos de renome como Sergio Vallejo ou a participación ao completo do equipo lucense e internacional de Rallyes, o Nupel Team”. Ademais, Antón Bao destacou especialmente o apoio que a Área da Deportes da Deputación realiza co deporte de base, traballando coa canteira, “como demostra a oportunidade que van ter os dous pilotos mozos lucenses, Adrián Díaz e José Carlos Guarc, de participar neste Rallye San Froilán aos mandos de dous Mitsubishi Lancer EVO IX do programa de promoción de pilotos lucenses “Volante Xoven” posto en marcha coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo”.

Ao longo da presentación, foise facendo un percorrido histórico a través dos gañadores das diversas edicións e das variacións que sufriu a proba no seu percorrido e cualificación, xa que chegou a ser unha das probas do calendario de Rallyes de España e disputouse polas comarcas lucenses da Terra Chá, Lugo ou Meira.

2 de set. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión