ProLingua presenta en Vilalba '55 mentiras sobre a lingua galega'

Redacción

Mañá venres, 5 de febreiro, terá lugar en Vilalba a presentación do libro 55 mentiras sobre a lingua galega, publicado por Edicións Laiovento. O acto celebrarase a partir das 20,30 horas na Casa da Cultura da capital chairega, e contará coa participación de varios representantes de distintos eidos da sociedade e con diferentes perfís profesionais, mais todos eles vencellados –dun ou doutro xeito– á provincia de Lugo e á Terra Chá. Neste senso, está prevista a asistencia de Luis Villares (xuíz de A Fonsagrada), Primitivo Iglesias (alcalde de A Pastoriza), Moncho Paz (xornalista), Antía Veres (estudante universitaria) e Ricardo Polín (profesor e investigador).

Trátase dun ensaio que pretende acoutar o que Agostiño de Hipona definiu como «a expresión de algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar», é dicir, a mentira. Con tal afán de denuncia sae publicado este agardado libro útil, unha obra rigorosa que, paseniño e cun ton distendido, avanza até desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que ao correr da historia se veñen vertendo sobre a lingua galega.

Por outra banda, fai fincapé naquelas que, por diversas razóns que tamén o libro pon de relevo, a día de hoxe teñen un maior calado na sociedade. Xa que logo, podemos falar desta publicación como dunha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións daqueles que, por complexo, mesquindade ou ambas as dúas cousas, só buscan o esmorecemento da lingua propia de Galicia, o galego. O mesmo acto, aínda que con distintos protagonistas, desenvolverase simultaneamente en máis de sesenta localidades de todo o mundo. Pódese ampliar esta información na páxina www.prolinguagalega.org

4 de feb. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión