Obtendo froito da semente

Martín Seco García.-

Escribía o mestre Bernardo García Cendán, que Martín deixara a semente dunha vida coherente cos ideais que defendía. Nestes días, cando a tormenta amaina e só quedan nubarróns no entorno familiar, os que tivemos a sorte de colaborar co traballo que Martín desenvolveu en vida, procuramos obter o froito desta semente, da que falaba o poeta chairego.

Resulta indispensable, que aqueles que adicaron a súa vida a conseguir o ben común, a traballar sen descanso polo desenvolvemento dos seus veciños e sempre coa vista na consecución dun mundo mellor, teñan o recoñecemento da sociedade que os acolle. Para elo, dende o compromiso dos que compartiamos o proxecto de Martín, procuraremos que a imaxe deste vilalbés sexa recoñecida polos nosos veciños, e lembrada polas xeracións vindeiras, para o que desenvolveremos todas aquelas iniciativas que sirvan para que o noso Concello -que tanto amaba e que tan ben se comportou no seu finamento- recoñeza a título póstumo a súa dedicación, e poñeremos as bases para continuar coa senda marcada polo noso amigo e compañeiro Martín.

Afondando nesta idea, dende fai unhas datas, un grupo de amigos e compañeiros liderados por Martín, que pola avaricia sen control duns poucos, fumos apartados da vida interna da organización política onde levábamos tantos anos loitando. Estabamos a traballar nun novo proxecto de asociación para a nosa vila, onde desenvolver unha actividade a prol dos ideais de solidariedade e da participación cidadá. Este proxecto, bautizado como Foro Vilalbés de debate e cooperación, estaba a piques de botar a andar, nas datas previas o finamento de Martín e sen dúbida o fará en breve, baseado nos tres principios esenciais da súa vida:

En primeiro lugar, a VALENTÍA DO COMPRIMISO COMO CIDADÁN. Escribía o profesor Pombo o día do seu enterro, que detrás da vida de Martín, estaba a dun home da polis como entendían os gregos, na que as ideas estaban ao servizo da convivencia. A vida de Martín estivo marcada polo concepto de cidadán, comprometido cos valores democráticos da sociedade que lle tocou vivir, favorecendo todos aqueles mecanismos que fixeran de Vilalba, unha sociedade máis participativa, máis democrática e onde as diferencias entre iguais, foran un valor de enriquecemento e non de discriminación por parte das opcións maioritarias. A vida de Martín está chea de renuncias persoais, de valentes posicionamentos que primaban os ideais sobre o lucro persoal e cun comportamento político que buscaba o ben común antes que pequenos intereses partidistas. Este compromiso como cidadá, e coa participación na vida política e social do noso concello será un dos tres eixes que determinen a posta en marcha desta asociación.

En segundo lugar, a SOLIDARIEDADE. É sen dúbida o principio básico que fixo de Martín un home especial. Dicía nunha entrevista recente, que se metera en política para intentar cambiar o mundo dende Vilalba. A súa obsesión vital era traballar para que todos os seres humanos puidesen ter acceso a unha vida digna. Sen dúbida, Martín será lembrado pola súa incesante dedicación a axudar a aqueles que o necesitaban; foi a súa actividade predominante, incluso por riba do seu traballo político. Son moitos os que nestas datas, recordan algún tipo de xestión que Martín realizou para intentar solucionar algún problema que lles preocupaba. Os seus didácticos comportamentos vitais eran un exemplo para que os máis, entendesen e aplicasen os valores da solidariedade. Por todo isto, a solidariedade será outro dos pilares básicos desta nova asociación.

En terceiro e último lugar, VILALBA. Falar de Martín é falar dun anaco de Vilalba. Alí onde se atopaba, a nosa Vilalba tamén estaba presente. Non lembro ningún proxecto que nacese na nosa vila, no que non puxese o seu gran de area ou o seu apoio aos que tiñan o valor de desenvolvelo. Lonxe de interferir na vida das asociacións e organizacións que non contaban co seu traballo directo, sempre apoiaba e colaboraba con elas para conseguir a continuidade dos proxectos e, en última estancia, a existencia dunha sociedade viva. A vida do Concello, o asociacionismo, a potenciación da actividade económica vilalbesa, o desenvolvemento do noso rural eran temas que preocupaban especialmente a Martín, como apuntaba o ex-conselleiro Francisco Sineiro nun artigo recente, que destacaba a preocupación e o traballo constante de Martín pola actividade económica da Terra Chá. Por iso, Vilalba, as súas xentes, a súa cultura, e os seus recunchos tamén serán outro dos pilares que sosteñan esta nova asociación.

Estes tres eixos, acompañados da honra e a lembranza da figura de Martín Seco Cendán, son os que farán brotar o froito desta curta vida tan chea e intensa, que fai que algúns, a pesar de sentir a tristura e o espazo valeiro que deixou nos nosos corazóns a súa perda, sintamos tamén o seu apoio e a súa intensa presenza, para continuar cun proxecto que non debería ter fin.

Pronto teredes máis novas; de momento estades todos convidados a participar.

29 de xuño de 2010

1 comentários :

  • Querido Martín Seco Jr.: Pódese dicir que é moi fácil falar ben das persoas cando nos deixan. Ninguén se atreve a facelo en sentido contrario, aínda que cando estaban connosco non faltaba quen lles atizase, coma foi o caso de teu pai, que ante todo, foi un MAGNÍFICO SER HUMANO. Era unha persoa que centrou a súa vida no ámbito público, sen afán de medrar, pois coido que puido, pero non quixo. Chegáballe co que gañaba coma digno funcionario que era. O triste de todo foi que outros se aproveitaron del no sentido máis rastreiro da expresión. Xa escribín no comentario de teu tío como estaba o PSOE cando el chegou a política, sen representantes no concello. Pouco a pouco foi gañando terreo e acadou primeiro tres, logo quedou só, despois dous outra vez tres, se mal non lembro, ata deixalo con seis, na actual corporación. Evitou que o PSdeG non fose extramunicipal, e que fose a digna oposición que merecemos os vilalbeses. Porque independentemente que haxa Goberno local, ten que haber oposición e ademais unha oposición, que de haber seguido el (que o pobre xa non pode) xunto con Elba Veleiro tería posibilidades de darlle unha nova oportunidade a Vilalba cun goberno alternativo, pero coido que esa oportunidade está xa esfumada, agás que os que non o traicioastedes sigades en política.

    Ante todo unha aperta amigo. Xan do Muíño.

    29 de xuño de 2010, 19:33

Danos a túa opinión