Preparando a homenaxe a Varela Veiga


Redacción.-

Onte, 18 de novembro, instalouse nos xardíns do CEIP “Antonio Insua Bermúdez”, de Vilalba, a pedra de granito, procedente das canteiras de Parga, que dará forma ao monolito en homenaxe a Jose Antonio Varela Veiga, primeiro director do centro, finado o pasado 2 de outubro e artífice da rica vida cultural deste colexio na década dos oitenta. 

O proceso de talla do monolito correrá a cargo do artesán chairego Marcos Ladra ao longo dos vindeiros días e, se a situación epidemiolóxica o permite, a data prevista para a inauguración será o vindeiro 26 de decembro co fin de favorecer a presenza no acto daquelas persoas que se atopen fóra de Vilalba. A campaña popular creada para recadar fondos para a obra está a ter unha acollida máis que favorable téndose acadado, a día de hoxe, abondosas contribucións que van desde os 5 aos 250 €. 

A Comisión encargada do proxecto, integrada por exalumnos e exmestres do colexio, desexa agradecer públicamente a todos os participantes a súa colaboración, así como tamén á dirección e ao claustro do centro a súa disponibilidade para levalo adiante e ao Concello de Vilalba as labores de acondicionamento do xardín, dentro do recinto escolar, onde se ubicará. Tamén queren lembrar que todo aquel que desexe facer algunha aportación económica aínda está a tempo ata o día 1 de decembro. 

Os ingresos ou transferencias faranse á conta da Asociación Cultural A Voz de Vilalba (Nº ES04 2080 0348 3730 4001 2002), indicando o nome e, no concepto, “HOMENAXE A D. JOSÉ ANTONIO VARELA”. A aportación mínima é de 5 €. O excedente das aportacións entregarase como donativo á biblioteca do centro escolar.

19 de nov. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión