Festas


María Xosé Lamas.-

Dende mediada a primavera até ben entrado o outono os nosos pobos engalánanse para celebrar as festas do patrón, e isto dende tempos que non abrangue a memoria. Constitúen feitos sociais dos que antes, mais ca no momento actual, non se podía prescindir. Non obstante e a pesar de que cada ano auguramos que se vai perdendo a tradición, seguen a estar presentes e cumpren coa finalidade principal do reencontro, aínda que perderan a do divertimento único que antigamente posuían.

Na parroquia de Vilapedre, no primeiro terzo do s.XX, festexábanse catro datas dedicadas aos respectivos santos: polo vinte de maio os Milagros, que era a festa maior e adoitaba durar dous días; en xuño o santo Antón, en setembro o san Mamede e en outubro o santo Estevo.
Eran xornadas de referencia para todo o ano, xa que nelas se pensaba á hora de manter un bo galo, gardar unha galiña vella ou reservar un cabuxo ou un año cos que contar para ditas celebracións.

Unhas semanas antes da festa, a siña Remedios ía á canteira de cabanas para catar unha saquetada de area branca coa que fregar cun cepillo de raíz e de xeonllos as escadas, pisos, mesas e bancos de madeira de toda a casa, ademais das chinelas novas que habían de ser vistas na misa, procesión e baile o día da festa. Tamén lavaba toda a roupa das camas: sabas de algodón, cobertores de lá e colchas de trapos tecidas no tear, que levaba varias xornadas de traballo no río, pois había que mollalas, darlles xabón, clarealas ao sol, petalas sobre as chantas que facían de lavadoiros e aclaralas, para que enxugaran enriba da silveira até que valeran para por nas camas. Baleiraba os xergóns de folla de millo ou de lá enchéndoos con máis folla picada ou cardando os vellóns da lá que se facían co uso. Deste xeito a casa toda cheiraba a limpo.

A poucos días do día grande, o Golpe mataba os bechos que a súa dona prepararía adubándoos ao xeito e cocían a fornada de pan trigo, pois o resto do ano comíase centeo. A véspera mesmo era o día dos doces: biscoitos, brazos recheos, roscas…. e de facer a manteiga e o queixo fresco. Naqueles tempos non se desperdiciaba nada. O leite que ficaba na nateira despois de callar a tona, leite da roda, servía de bebida; o soro que quedaba do queixo fervíase e coa súa tona, o cáparo, facíanse sopas para a cea.

Á festa estaban convidados os membros da familia e amigos. Era un día de abundancia e todos os seres queridos tiñan que partillala. Na casa dos ramistas, ademais, adoitaban comer os músicos. Despois de asistir á misa e á procesión, cousa que a siña Remedios coma moitas amas de casa nunca pisaban, chegaban os comensais ante unha mesa cuberta co mellor mantel e servida cos mellores cubertos e cristalería. Nela había varias balugas de manteiga sobre tenras follas de verza e azucre que se comía de entrante . O primeiro prato era a sopa do cocido, que se servía a continuación como segundo. Despois chegaba o asado e para remate o arroz con coello. De sobremesa os doces, o queixo, licores e café. Os comensais erguíanse da mesa á noitiña xa con gañas de baile.

A verbena corría a cargo das máis prestixiosas orquestras dos arredores, como acontecera xa coa procesión da mañá. A orquestra de Os do Alto, do Xestoso; a das Pontes, a de Burgás, a de Cabreiros e a de Rodrigo de As Pontes, a máis importante xunto coas dúas da vila – a dos Longos e a dos Matos- amenizaban en cada xeira festiva as noites dos chairegos e chairegas. Eran músicos auténticos que tocaban en directo e por partitura as pezas musicais, sen megafonía de ningunha clase. O vocalista axudábase dunha especie de embude ( que nunca chegaba a ser megáfono) para proxectar a súa voz sen que se vira apagada polos instrumentos. Pasodobres, tangos, valses e música tradicional e lixeira da época soaba dende o reducido palco para engaiolamento dos veciños e veciñas que bailando estreitaban lazos de amizade e incluso de amor en moitos casos. Os máis novos tamén tiñan tómbolas, tiros e carriolas onde se divertiren e cando remataban as poucas perras gordas das que dispuñan, xogar ás agachadas ou ás pilladas era sempre un bo divertimento, aínda que os máis fervellasverzas gozaban con se meter con algún pasado de alcohol ou algunha parella coñecida.

Grandes e pequenos vivían experiencias que se trocarían despois en motivo de conversas até chegar a próxima festa.

26 de ago. de 2010

0 comentários :

Danos a túa opinión