Unha rareza bibliográfica







Paulo Naseiro

Hai poucas semanas, o amigo Manolo Roca, con quen comparto a paixón polos libros antigos, dábame noticia do achado dunha novela da que foi autor Manuel Vázquez Peña, irmán do ex-alcalde e por moitos anos boticario de Vilalba, Vicente Vázquez Peña.

Poucos días despois tiña nas miñas mans o libro, por xentileza do Manolo, e debo dicir que me enganchou de tal maneira que alá foi case nunha sentada ou, máis ben, en dúas. E tanto me gustou que xa son o feliz posuidor do meu propio exemplar, adquirido a través do magnífico portal dos libreiros de vello iberlibro.com.

Entrando en materia, La Ruta, que tal é o título do libro, acadou unha brillante clasificación no Premio Nadal de 1957, e foi publicado en 1959 por Destino. A obra narra de forma amena e por veces brillante a vida diaria dos trafegos que rodean o porto pesqueiro coruñés, O Muro, dende a descarga do peixe até a subhasta no mercado central de Madrid, retratando con mestría as vidas das persoas que se afanan en torno á daquela puxante industria pesqueira coruñesa.

A través das dúascentas corenta e oito páxinas da obra desfilan personaxes entrañábeis: os pescadores cuxa única retribución era o quiñón sobre as capturas, as pescantinas que tiñan tecida toda unha rede comercial, os intermediarios, os pobres e os pouco afortunados que vivían da solidariedade da comunidade do Muro, ou os camioneiros que arriscaban vidas e facendas levando a toda velocidade o peixe a través da meseta castelá, co tempo contado por mor da precaria refrixeración, a base de xeo, e os tempos que marcaba o propio mercado.

Porque máis alá dunha lectura amena e engaiolante, o libro é todo un tratado etnográfico sobre o funcionamento do comercio pesqueiro nos anos cincuenta do século XX, dos esforzos e os traballos das xentes, das variedades de peixe que arribaban aos peiraos galegos, dos distintos tipos de artes e embarcacións. Tamén, e dun xeito velado comprensíbel para a época, intuímos a pervivencia das ideas anarquistas que caracterizaron ao entorno do porto pesqueiro coruñés nos anos anteriores á Guerra Civil.

Sobre o autor, pouco máis podemos dicir que naceu en Compostela e licenciouse en medicina, téndose dedicado á investigación neste campo. Publicou tamén diversos ensaios sobre arte e filosofía.

La Ruta.

V. Peña, Manuel.

Barcelona: Destino. 1959.

248 pp.



20 de abr. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión